Órganos colexiados

Os órganos colexiados son os que exercen o goberno, a representación, o control, a decisión ou a coordinación da Universidade, nos seus respectivos ámbitos de competencia, para o adecuado desenvolvemento da vida da institución. Nestes órganos participan os colectivos que integran a comunidade universitaria, persoal docente e investigador, persoal de administración e servizos e estudantado.

Consello de Goberno

O Consello de Goberno é o órgano de goberno da Universidade e está composto polo reitor/a, que o preside, o secretario/a xeral, o/a xerente e 15 membros designados polo reitor/a, entre os que debe haber representación de todos os sectores da comunidade universitaria. Entre as funcións do Consello de Goberno está o establecemento das liñas estratéxicas e programáticas da Universidade e a aprobación da ordenación xeral da actividade académica e investigadora. Ademais, encárgase da aprobación dos proxectos de orzamento e programación plurianual e das contas anuais da Universidade para o seu trámite ao Consello Social, da aprobación dos cadros de persoal ou das propostas de plans de estudo.

Máis información

Claustro

O Claustro da Universidade é o máximo órgano de representación e control da comunidade universitaria. Este debe servir de ámbito para a formulación de interpelacións ao reitor/a e aos membros do seu equipo, así como ao resto do Consello de Goberno. Entre as súas funcións tamén esta a formulación de propostas e recomendacións xerais, así como servir de vieiro de expresión da comunidade universitaria e demandar informes ou solicitar comparecencia dos representantes dos outros órganos académicos e institucionais da Universidade.

Máis información

O Tribunal de Garantías

O Tribunal de Garantías é o comisionado do Claustro Universitario para a defensa dos dereitos dos membros da comunidade universitaria. Para estes efectos, poderá supervisar a actividade da administración universitaria dando conta ao Claustro.

O defensor universitario dará conta, anualmente nun informe que presentará ante o Claustro, da xestión realizada polo Tribunal de Garantías.

Máis información

Consello Social

O Consello Social é o órgano de participación da sociedade na Universidade de Vigo. Correspóndelle fomentar iniciativas sociais e promover a actuación dos poderes públicos para estimular investimentos que favorezan as actividades da Universidade e que adecúen a capacidade docente e investigadora desta á demanda social.

Máis información

Consellos de campus

En cada un dos tres campus da Universidade existen consellos, que son órganos colexiados de representación e de coordinación aos que lles corresponde a proposición, ao órgano competente de implantación, de novas titulacións no seu ámbito territorial, a promoción e consecución de edificios e terreos para desenvolver o labor docente e investigador, a promoción da descentralización dos servizos ou a participación na elaboración dos políticas académicas específicas do campus.

Máis información

Outros órganos

A Xunta de Centro é o órgano de representación e decisión de cada centro e entre as súas funcións está a elección do decano/a ou director/a, a aprobación da distribución do orzamento do centro ou o establecemento dos obxectivos educativos das titulacións ao seu cargo, así como a elaboración e aprobación dos seus plans de estudo.

Pola súa banda, a Xunta de Titulación é a encargada de elaborar, aprobar e modificar, para cada titulación, as propostas dos plans de estudos, e conta cunha composición análoga en proporción á Xunta de Centro.

O Consello de Departamento é o órgano colexiado de representación e decisión do departamento e as súas funcións comprenden a elección do director/a de departamento ou a aprobación das propostas de creación de seccións departamentais e o orzamento anual deste.

Dos consellos de institutos universitarios de investigación depende a estrutura do instituto, a aprobación dos proxectos de investigación e docencia, ou os procedementos de avaliación do alumnado.

Finalmente, a Xunta Consultiva é o órgano de asesoramento do reitor/a e do Consello de Goberno en materia académica, e no relativo ao deseño e avaliación de plans estratéxicos de mellora da calidade institucional. Os seus membros son designados polo Consello de Goberno entre profesorado e persoal investigador de recoñecido prestixio, que representen dun xeito equilibrado os distintos campos do saber.

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal