DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este xoves recibiron os seus Distintivos de Igualdade da Universidade de Vigo

Cintecx, Comunicación e Comercio, tres novos exemplos dunha universidade máis xusta, igualitaria e excelente

A UVigo foi pioneira en España en poñer en marcha un recoñecemento deste tipo en 2021

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Igualdade
  • Premios
  • Institucional
DUVI 25/04/2024

A Universidade de Vigo foi, en 2021, a primeira de España en poñer en marcha un distintivo de igualdade para os seus centros, escolas e facultades. Pasados tres anos, a institución académica segue consolidando o seu papel pioneiro ao entregar a cuarta edición distas distincións, que recaeron no centro de investigación Cintecx e nas facultades de Comunicación e Comercio. 

Con estas tres novas incorporacións, a UVigo suma xa 13 distintivos entregados, que buscan “recoñecer e impulsar as actividades de promoción da igualdade entre mulleres e homes na nosa universidade, a prol do avance nas políticas públicas de igualdade e na gobernanza universitaria”, como salientaba a directora da Unidade de Igualdade, Águeda Gómez, no acto de entrega que tivo lugar este xoves no edificio Redeiras. “É unha aposta polo avance común en igualdade de toda a nosa universidade, a partir dos esforzos de cada centro, escola e facultade, para loitar por unha universidade mais xusta igualitaria e excelente”.

O reitor foi o encargado de entregar os tres novos distintivos e trasladou aos responsables dos seus centros “as grazas, os parabéns e o orgullo” que representan para institución. Manuel Reigosa agradeceu o traballo de todas as persoas que loitan a diario pola igualdade efectiva e quixo salientar que coa creación da Unidade de Igualdade en 2011 “sentáronse as bases para un futuro mellor para a Universidade e para a contorna, xa que somos irradiadores de coñecemento e de xeitos de funcionar”. Aínda que fixo unha firme defensa da “bandeira do feminismo”, o reitor tamén advertiu de que “queda moitísimo por percorrer, porque aínda nunha universidade coma esta, que se toma moi en serio a igualdade, quedan cousas por mudar”, por exemplo, no que atinxe ás diferencias “inxustas” no desenvolvemento da carreira investigadora de homes e mulleres. Con todo, Reigosa desexou que “esta vaga morada se estenda por toda a UVigo” e que o exemplo dos centros que xa contan co distintivo axude a que, no futuro, este se faga extensivo a toda a Universidade.

Sete candidaturas, tres premios

Para seleccionar os centros, un xurado, composto por persoas expertas tanto de dentro da UVigo como doutas institucións, realizou un proceso de avaliación das actividades, iniciativas e prácticas que realizan neste eido en relación aos esforzos dos centros e tamén de moitas persoas que na universidade loitan día a día por investigar, ensinar, transferir, xestionar e producir coñecemento en clave de xénero e feminista, como explicou a directora da Unidade de Igualdade.

Nesta 4ª edición presentáronse sete candidaturas e o xurado seleccionou tres centros. O mellor cualificado polo xurado, con 85 puntos, foi o Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais-Cintecx. A súa candidatura amosa “unha aposta firme e decidida por incorporar a perspectiva de xénero de xeito integral na busca da excelencia investigadora e a calidade, nun ámbito de investigación masculinizado e onde é habitual atopar reaccións que cuestionan as políticas de igualdade”. O xurado tamén recoñece aspectos como a presenza paritaria en comisións, a pesar de ser un ámbito con escasa presenza feminina, o deseño dun plan de igualdade propio ou feito de contar con estruturas como a Comisión de Igualdade, Diversidade e Inclusión e a enlace de igualdade. Tamén tiveron en conta o feito de ter elaborado unha diagnose da situación do centro, así como o pulo á investigación en xénero, coa creación dun recursos propios para orientar o seu persoal na incorporación da perspectiva de xénero ou no aumento de liñas de investigación. A directora do Cintecx, Concepción Paz, foi a encargada de recoller o distintivo de mans do reitor, e lembrou que, aínda que no eido da enxeñaría se levan feito moitos avances no camiño da igualdade efectiva, este é un campo no que os cambios van máis lentos, polo que “nos move unha necesidade máis acuciante que no resto dos eidos”. Subliñou neste sentido que “queda moito por facer, non tanto en elaborar políticas, senón en traballar na promoción e visiblidade do traballo das mulleres e tentar que as súas carreiras non queden retrasadas respecto das carreiras dos homes”.

A Facultade de Comunicación, con 81 puntos, é o primeiro centro do campus de Pontevedra en obter este recoñecemento e destaca, segundo o xurado, polo esforzo realizado na visualización do traballo que se está facendo a prol da igualdade, nun centro con maioría de matrícula feminina (71% mulleres). O centro, destaca o xurado, está implicado na promoción da igualdade, tanto nas políticas de xestión do centro, como a través dunha docencia que busca a “formación transversal” para que o seu estudantado incorpore no seu futuro profesional a responsabilidade de traballar pola igualdade. Unha mostra do impacto deste traballo, sinalan, son os TFG e TFM con perspectiva de xénero que foron recoñecidos con diversos premios. Ademais, conta con fortes liñas de investigación con perspectiva de xénero, lideradas por figuras destacadas e ofrece un programa de actividades constantes e innovadoras e formación extra-académica na que se ten en conta o xénero, nun centro maioritariamente feminizado. Destaca na utilización de linguaxe inclusiva e non sexista, a accesibilidade do espazo de igualdade na súa web e o labor de divulgación realizado, tanto en centros educativos, como dirixido á sociedade en xeral. O vicedecano de Calidade e Docencia, Vicente Badenes, recolleu o distintivo e recalcou que obtelo “non foi un proceso fácil”, xa que o listón a superar era “elevado”, pero tamén subliñou que o compromiso do centro coa igualdade “vén de lonxe, forma parte do noso ADN e concrétase en realidades, en feitos e en compromisos como os que foron avaliados” polo xurado. Incidiu en que o centro ten a sorte de contar con persoal docente moi activo no eido da igualdade, con grupos de investigación e amplitude de publicacións relacionadas e puxo en valor que a igualdade “é un dos noso eixos estratéxicos e este premio reafírmanos no noso compromiso e recordaranos cada día a necesidade de non baixar a garda”.

Finalmente, nesta convocatoria tamén se distinguiu á Facultade de Comercio que, segundo o xurado, é un centro pequeno e singular, cunha traxectoria de máis de 100 anos -xermolo da actual Universidade de Vigo- e cunha base de alumnado maioritariamente feminino. As expertas recalcan que levan moito tempo realizando actividades académicas e de sensibilización para dar voz e visibilidade ao traballo das mulleres en sectores e postos especialmente masculinizados e propor modelos de referencia de mulleres en postos de decisión, de liderado e de actividade emprendedora. A Facultade de Comercio inclúe a igualdade como un tema que esta ser abordado durante todo o ano e non só nos días especiais. Gran parte da docencia inclúe a perspectiva de xénero, conta cun elenco de expertas destacadas e desagregan todos os datos estatísticos por sexo de forma sistemática. Destacan as boas prácticas docentes en igualdade, ademais da gran cantidade de actividades de promoción e sensibilización da igualdade desenvolvidas ao longo do ano (17 actividades e 41 accións). É de subliñar o uso de linguaxe inclusiva non sexista en documentos, comunicacións, RRSS e, o máis destacado, en todas as guías docentes. Tamén conta cunha asociación feminista entre o alumnado. O distintivo foi recollido por Araceli González Crespán, enlace de Igualdade, que en nome da decana, Consuelo Currás, agradeceu a distinción e recalcou que “o compromiso da facultade coa igualdade non xurde de 0, levamos tempo percorrendo o camiño da sensibilización e a inclusión da perspectiva de xénero na nosa historia, xa centenaria”. Precisamente, quixo poñer en valor as “pegadas das pioneiras que abriron esta vía”, como Luisa Fernanda Abreu, primeira muller directora da escola, ou a profesora Carolina Requejo, que incluíron xa dende a década de 1980 unha mirada de xénero na investigación, así como a profesora Luz Varela, fundamental no desenvolvemento do 1º Plan de Igualdade da UVigo. 

Inspiración para o resto dos centros

Coa vista posta, como sinalaba o reitor, en que todos os centros da UVigo conten no futuro con este recoñecemento, a Unidade de Igualdade publicou este mesmo xoves na súa web unha serie de exemplos e boas prácticas detectadas en todas as candidaturas presentadas, non só nas tres gañadoras. A idea, sinalaba Águeda Gómez, é que sirvan “como inspiración para toda a comunidade universitaria” e como impulso para que o resto dos centros desenvolvan e impulsen as políticas de igualdade.