Día Internacional da Muller 2022
Porque foron, somos
O Día Internacional da Muller é unha data para que todas as mulleres reivindiquemos os nosos dereitos e botemos unha mirada desde o presente á loita das nosas predecesoras. Este ano 2022 queremos pór en relevancia as mulleres universitarias galegas que pisaron estes mesmos corredores e deron o primeiro paso para que hoxe o 55’67 % do alumnado universitario que os percorre máis libremente, sexan mulleres. Elas, as primeiras, as discriminadas, as violentadas, as invisibilizadas, conseguiron facerse un espazo de seu nunha época onde o coñecemento non estaba pensado para elas. Hoxe contamos a herstory das mulleres da Universidade de Vigo.
A finais do século XIX e comezos do XX, a pesar dunha lei que prohibía o acceso da muller á universidade, 15 destacables mulleres, ambiciosas e imparables, conseguiron contra todo prognóstico –tanto polas estruturas establecidas coma as taxas de alfabetización do 4’54 % das que proviñan– entrar nas aulas. Figuras como Concepción Arenal ou Manuela Barreiro Picos tiveron que recorrer ao engano do sistema patriarcal disfrazándose de homes e ter, así, acceso ás esferas da vida que se lles prohibía: unha técnica empregada comunmente por incontables mulleres que durante eses intres puideron sentir como podería ser un futuro sen desigualdade. Este futuro, que agora é o noso presente, tivo a súa semente no labor de defensa pública que fixeron mulleres como Emilia Pardo Bazán, cando se lexitimou o dereito das mulleres a recibir educación universitaria a través da Real orde do 8 de marzo de 1910.
A Universidade de Vigo, nada en 1989, provén de diversos centros de ensino superior onde as mulleres tomaron un papel activo e protagonista, individual e colectivamente. O contexto social e cultural de comezos do século pasado supuxo un grande impedimento para entraren as mulleres no ensino superior, se temos en conta que, por exemplo, o 56 % das nenas ourensás non estaban escolarizadas. Con todo, en 1879 as mulleres comezan este proceso coa creación da Escola Normal de Mestras de Ourense, o cal, a pesar de ser un reflexo da crenza sexista da predisposición natural da muller cara aos coidados e á crianza, supón un grande avance no dereito ao coñecemento académico real. Neste espazo destaca Ernestina Otero, mestra das escolas normais de Ourense e de Pontevedra, que levou a cabo metodoloxías de ensino progresistas e coeducativas coas súas alumnas, inspiradas na súa experiencia formativa na Institución Libre de Ensinanza de Madrid.
A Escola Técnica de Peritos Industriais de Vigo naceu en 1901, e aínda que diversas mulleres tiveron acceso ás súas aulas dende 1910 –como foron M.ª del Carmen Sábada e Capablanca e Pilar Palomar Traver (1910-1911), Rosario Torvieso Monge e Dolores Lorenzo Salgado (1929-1930)–, non foi ata 1965 que a primeira muller tivo oportunidade de graduarse: Ángela González Garrido. Coñecemos pola súa testemuña os innumerables problemas que tivo como alumna para desenvolver a súa paixón polo saber científico entre amoestacións de profesores por «coarse» nas aulas e as críticas dun tempo reaccionario por levar sempre pantalóns na rúa. É un feito preocupante que a fenda de xénero dende que a catedrática Luisa Marcos Raña ocupaba os corredores deste centro, ata o día de hoxe, siga igual de marcada, cunha presenza das mulleres matriculadas en Industriais soamente dun 23 %.
A segregación horizontal entre estudos masculinizados e feminizados pódese rastrexar na historia da Escola Pericial de Comercio, que dende a súa fundación oficial en 1920 –como sinala M.ª del Pilar López Vidal, exdirectora–, tivo a presenza de varias mulleres nos seus estudos, en contraste coa máis antiga Escola Técnica de Peritos Industriais. Dende a primeira titulada da escola en 1926, Josefa Costas González, e tras ela Pilar Mosquera, Soledad Pelayo e Ángeles Cabello, a fenda de xénero por ámbitos de coñecemento segue latente.
Na nosa modesta contribución á creación dunha necesaria xenealoxía que recolla a memoria das mulleres na Universidade de Vigo e corrixa o silenciamento consentido da súa presenza e das súas voces, recordamos o esforzo e o sacrificio individual e colectivo de innumerables pioneiras, acompañadas durante décadas dun movemento de acción feminista, na loita polo dereito á educación de calidade e igualitaria, e prometemos seguir avanzando polo camiño que elas empezaron a percorrer. Por elas, por nós e polas que veñen.
Hoxe as mulleres estamos presentes!
Hoxe as mulleres temos voz!
Hoxe as mulleres seguimos reivindicando!
Hoxe as mulleres seguimos transformando!
Manifesto da Rede de unidades de igualdade de xénero para a excelencia universitaria (RUIGEU)
Cada 8 de marzo, desde que en 1975 a Organización das Nacións Unidas declarou esta data Día Internacional da Muller, conmemórase como unha xornada de reivindicación dos dereitos das mulleres e da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes. A Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible, aprobada en 2015, considera que lograr a igualdade de mulleres e homes, eliminar todas as desigualdades e xuntar esforzos para conseguir unha igualdade efectiva en todos os campos forman parte dos obxectivos de desenvolvemento sostible, en particular do número 5: «Igualdade de xénero».
Non obstante, a crise provocada pola pandemia da covid-19 que vimos sufrindo desde hai dous anos, ou a chegada ao poder de gobernos ultraconservadores como sucedeu en Afganistán, acentuou as desigualdades de xénero: aumentou as diferenzas existentes e evidenciou a clara desvantaxe de mulleres e de nenas. A pandemia contribuíu a aumentar a violencia machista e intensificou a fenda de coidados, que recaen maioritariamente sobre as mulleres, e está na base das dificultades para o acceso e a promoción profesional. Isto conduce a fendas salariais que, en último termo, ten consecuencias na fenda das pensións.
As universidades non son unha excepción a esta regra. O recente estudo Fenda salarial de xénero nas universidades públicas españolas, froito da colaboración entre o Ministerio de Universidades, a ANECA e a CRUE, revela a existencia de fendas salariais no PDI e permite analizar as súas causas para poder eliminalas. Segundo ese informe, a diferenza salarial é claramente visible na percepción de complementos, ao ser os homes os que acceden en maior número a estes ingresos. A causa posible é o menor exercicio dos dereitos de conciliación e de liberación do tempo de corresponsabilidade que exercen os homes para atender o coidado familiar, o cal propicia o desenvolvemento da súa carreira profesional. Polo que respecta ao PAS, os estudos diagnósticos das respectivas universidades apuntan a unha diferenza salarial menor pola composición feminizada do persoal, pero, aínda así, a fenda salarial existe e vincúlase, entre outras causas, ao exercicio dos dereitos de conciliación por coidado familiar, nos que apenas se aprecia unha mellora da corresponsabilidade.
A pesar de que a presenza das mulleres nas universidades aumentou, é necesario destacar a ausencia destas nas carreiras CETEM e nos postos de responsabilidade, sobre todo neste ámbito. Somos conscientes da enorme importancia que o dominio das tecnoloxías terá no futuro e resultarán estratéxicas para acceder a ocupacións que posúan gran relevancia social. Hai que traballar para erradicar a actual fenda dixital de xénero, producida por nesgos androcéntricos que dificultan ou menoscaban a igualdade entre os sexos. A segregación educativa tamén se observa na escasa presenza de homes nas titulacións relacionadas co coidado e coa atención ás persoas. É necesario lograr o equilibrio para favorecer a corresponsabilidade.
Neste 8 de marzo, as unidades de igualdade das universidades que integran a Rede de unidades de igualdade de xénero para a excelencia universitaria (RUIGEU), queren centrar a súa reivindicación na loita contra estas desigualdades; desde o particular papel innovador das universidades, a través da necesaria implantación dos estudos de xénero e da transversalización da perspectiva de xénero na docencia, a investigación, a transferencia e o compromiso social, coma as vías máis potentes para aumentar a concienciación e a prevención das discriminacións, actuando como institucións exemplares da convivencia igualitaria para o resto da cidadanía.
Tamén queremos poñer en valor o traballo e o esforzo que están facendo as unidades de igualdade das universidades que, cunha dotación mínima de persoal e orzamentaria, sosteñen o peso do desenvolvemento dos plans de igualdade, coordinan os servizos necesarios para eliminar as violencias sobre as mulleres, impulsan actividades formativas desde a dimensión da igualdade e non discriminación, e facilitan a integración da perspectiva de xénero en todas as actividades universitarias. Deste xeito, contribúen a mellorar a elixibilidade das solicitudes nas convocatorias públicas de investigación e fundamentan o exercicio e a garantía dos dereitos de mulleres e homes.
Non podemos esquecer as mulleres que estiveron presentes en cada momento de avance e de resistencia contra a limitación de dereitos e de liberdades, as mulleres rurais e os seus obstáculos, as mulleres con discapacidade e a súa resiliencia, as mulleres migrantes e a súa capacidade de progreso, tampouco as que a violencia machista silenciou ou intentou silenciar. En definitiva, todas as que, nalgún momento, sufriron discriminación polo simple feito de ser mulleres.
Voces de mulleres que, ao unísono, fan viable a realidade dunha sociedade equilibrada e xusta. A universidade é un escenario privilexiado, desde onde se pode impulsar ese futuro, e as unidades de igualdade son o seu instrumento: fagámolo posible. A universidade constitúe un piar fundamental no cambio social construído baixo o prisma da igualdade real entre mulleres e homes. Sen igualdade e sen valores humanos, éticos ou morais, a liberdade é unha invitación á lei do máis forte; por iso debemos seguir apostando por políticas efectivas en pro da igualdade entre mulleres e homes.
Finalmente, desde a RUIGEU ratificamos a necesidade de seguir conmemorando cada 8 de marzo e loitando pola igualdade efectiva entre mulleres e homes durante todos os meses do ano. É o noso deber como propulsoras dunha sociedade máis xusta e igualitaria.
8 de marzo de 2022
Manifesto da CRUE
A ONU declarou o 8 de marzo como Día Internacional da Muller, co obxectivo de reivindicar os dereitos das mulleres e a igualdade de oportunidades entre estas e os homes. A Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible, aprobada en 2015, busca xuntar esforzos para conseguir esa igualdade efectiva en todos os campos a través dos obxectivos de desenvolvemento sostible, especialmente o seu número cinco, referido á «Igualdade de xénero».
A crise da covid-19 non só contribuíu a aumentar a violencia machista, tamén acentuou as desigualdades de xénero e evidenciou a clara desvantaxe de mulleres e nenas. A pandemia intensificou a fenda dos coidados, que recaen maioritariamente sobre as mulleres e dificultan o seu acceso e promoción profesional; e con isto, a fenda salarial e a repercusión que nun futuro terá sobre as súas pensións.
As universidades levamos anos traballando pola igualdade efectiva e somos conscientes de que non somos unha excepción a estes problemas. O recente estudo Fenda salarial de xénero nas universidades públicas españolas, froito da colaboración entre o Ministerio de Universidades, a ANECA e a CRUE, revela a existencia de diferenzas salariais de xénero. Estas fendas son unha expresión máis das dificultades que as mulleres teñen no desenvolvemento da súa carreira docente e investigadora, dos obstáculos internos e externos que teñen que salvar para garantir a súa estabilización e promoción profesional, e da necesidade de programas de conciliación laboral e familiar para ambos os sexos que permitan manter o ritmo adecuado no exercicio docente e investigador.
Aínda que a presenza das mulleres en estudos de grao supera os homes, é preocupante a súa infrarrepresentación nos postos de responsabilidade e nas carreiras CETEM. A crecente importancia do dominio das tecnoloxías para acceder a ocupacións de relevancia social úrxenos a actuar para cerrar a fenda dixital de xénero que xa existe. A segregación educativa tamén se observa na escasa presenza de homes nas titulacións relacionadas coa educación, o coidado e a
atención ás persoas, ámbitos menos prestixiados pola sociedade. É necesario lograr o equilibrio para favorecer a corresponsabilidade.
A CRUE, a través do grupo de traballo de políticas de xénero da súa comisión sectorial de sostibilidade e en colaboración coa Rede de Unidades de Igualdade de Xénero para a Excelencia Universitaria, quere centrar a súa reivindicación na loita contra todas estas desigualdades desde o papel innovador das universidades. A implantación dos estudos de xénero, a transversalización da perspectiva de xénero na docencia, a investigación e a transferencia, e o compromiso social son as vías máis potentes para aumentar a concienciación e previr discriminacións.
É obrigado poñer en valor o traballo e o esforzo das unidades de igualdade das universidades para desenvolver plans de igualdade, a coordinación dos servizos para eliminar as violencias sobre as mulleres, o impulso de actividades formativas desde a dimensión da igualdade e non discriminación, ou a integración da perspectiva de xénero en todas as actividades universitarias.
Non podemos esquecer as mulleres rurais, mulleres con discapacidade ou migrantes, nin as que a violencia machista silenciou. En definitiva, todas as que, nalgún momento, sufriron discriminación polo simple feito de ser mulleres.
A comunidade universitaria ratifica a necesidade de seguir conmemorando cada 8 de marzo e de seguir loitando pola igualdade efectiva entre mulleres e homes todos os días do ano. É o noso deber como institucións propulsoras dunha sociedade máis xusta e igualitaria.
Máis información:
Unidade de Igualdade
Edificio Ernestina Otero
As Lagoas, Marcosende
36310 Vigo
+34 986 813 419
igualdade@uvigo.gal