O Tribunal de Garantías nos Estatutos

Artigo 143

O Tribunal de Garantías é o comisionado do Claustro Universitario para a defensa dos dereitos dos membros da comunidade universitaria. Para estes efectos, poderá supervisar a actividade da administración universitaria e dará conta ao Claustro. Exercerá as funcións que se lle encomenden nestes estatutos e nas disposicións de desenvolvemento.

Artigo 144

O Tribunal de Garantías está facultado para admitir calquera queixa ou reclamación que lle sexa presentada, en que sexa denunciado o incumprimento da legalidade ou calquera dano aos intereses lexítimos do denunciante nas relacións coa Universidade de Vigo, aínda que non haxa infracción estrita da legalidade.

Artigo 145

  1. O Tribunal de Garantías elixido no Claustro entre todos os membros da comunidade universitaria componse de nove membros:
    • a) O defensor/a universitario que o preside, elixido polo conxunto dos claustrais.
    • b) Dous membros elixidos polos representantes do profesorado funcionario doutor.
    • c) Dous membros elixidos polos representantes do resto do persoal docente e investigador.
    • d) Dous membros elixidos polos representantes do alumnado.
    • e) Dous membros elixidos polos representantes do persoal de administración e servizos.
  2. Todos os membros serán elixidos por unha maioría de 2/3 dos presentes do sector correspondente, no caso do defensor universitario a maioría de 2/3 precisarase entre os claustrais asistentes á sesión.
  3. Os compoñentes do Tribunal de Garantías non estarán suxeitos a mandato imperativo ningún.
  4. Un regulamento aprobado polo Claustro fixará o funcionamento do Tribunal, os seus medios materiais e a duración do mandato, que non poderá exceder de catro anos. As decisións do Tribunal de Garantías serán adoptadas por maioría dos votos dos asistentes ás reunións, e o voto de calidade do presidente/a resolverá os empates.
  5. O defensor/a universitario dará conta anualmente, nun informe que presentará ante o Claustro Universitario, da xestión realizada polo Tribunal de Garantías.

Artigo 146

Os membros do Tribunal de Garantías cesarán por algunha das causas seguintes:

  • a) A petición propia.
  • b) Por expiración do prazo do seu nomeamento.
  • c) Por causa legal procedente.
  • d) Por perda das condicións necesarias para ser elixido.
  • e) Por revogación de todos os membros do Tribunal de Garantías, cando así o acorde o Claustro por maioría absoluta.

Artigo 147

O Tribunal de Garantías, no desenvolvemento das súas funcións, poderá:

  • a) Esixir, de oficio ou a pedimento da parte interesada, toda a información que considere oportuna para o cumprimento dos seus fins.
  • b) Remitirlle informes ao Claustro e, no seu caso, propostas de repercusión dos danos estimados.
  • c) Xestionar, diante dos órganos competentes, a corrección dos defectos observados no seu funcionamento.
  • d) Requirir do órgano universitario competente a satisfacción do oportuno interese lexítimo.
  • e) Propoñerlle ao Claustro un voto de censura contra o titular dun órgano unipersoal que, a pesar dos requerimentos, non modifique a súa conduta contraria a dereito.

Regulamento do Tribunal de Garantías

Capítulo I: Disposicións xerais

Artigo 1

O Tribunal de Garantías é o comisionado da Universidade de Vigo para a defensa e protección dos dereitos e intereses lexítimos dos membros da comunidade universitaria, e a súa finalidade fundamental é a contribución ao bo funcionamento da Universidade de Vigo. No exercicio das súas funcións, rexerase pola lexislación xeral aplicable, polas disposicións específicas contidas nos Estatutos da Universidade de Vigo e no Regulamento do seu Claustro e polas normas deste regulamento.

Capítulo II: Competencias e garantías no exercicio do cargo 

Artigo 2

Os membros do Tribunal non estarán sometidos a ningún mandato imperativo de ningunha instancia universitaria nin recibirán instrucións de ningunha autoridade ou órgano de goberno. Ningún membro poderá ser expedientado ou sancionado por razón de opinións que formule ou polos actos que realice no exercicio lexítimo das súas funcións.

Artigo 3

No exercicio das súas funcións, o Tribunal actuará formulando suxestións, propostas e recomendacións aos responsables inmediatos dos servizos da Universidade, aos responsables máximos universitarios e á persoa ou persoas implicadas sobre as medidas que se deberían adoptar para eliminar as deficiencias ou problemas observados, e, igualmente, achegando posicións das partes en conflito.

Artigo 4

A condición de membro do Tribunal de Garantías é incompatible co desempeño de calquera cargo unipersoal de goberno da Universidade.

Artigo 5

Todos os órganos de Goberno e todos os membros da comunidade universitaria teñen o deber de colaborar co Tribunal no exercicio das súas funcións, que, para tal efecto, terá a consideración de autoridade, e non poderá negárselle o acceso a ningún expediente ou documentación relacionados co obxecto da investigación, sen prexuízo do respecto debido aos dereitos e liberdades das persoas. O Tribunal garantirá a máxima discreción posible nas súas actuacións.

Artigo 6

O Tribunal de Garantías poderá delegar no seu presidente/a o desenvolvemento dos asuntos de trámite que aquel considere oportunos, e deberá dar conta ao Tribunal, nas sesións ordinarias, de todos os temas tratados.

Capítulo III: Procedemento das actuacións de mediación e conciliación 

Artigo 7

  • 7.1. Todo pedimento de mediación ao Tribunal de Garantías realizarase mediante escrito, en que conste con claridade o motivo e alcance da pretensión que se formula, os nomes dos solicitantes ou, de ser o caso, o colectivo universitario en representación do que actúan.
  • 7.2. Dentro do prazo dos sete días seguintes a aquel en que fose recibido un escrito de pedimento de mediación, o presidente/a do Tribunal de Garantías dará traslado deste a todos os sectores implicados e recabará contestación escrita, en que se manifeste expresamente se se acepta ou non a mediación.
  • 7.3. Se no prazo dos quince días seguintes á data de envío deste escrito non se recibise contestación negativa na oficina do Tribunal de Garantías, entenderase que a mediación deste foi aceptada.

Artigo 8

Cando todas as partes implicadas acepten a súa mediación, o Tribunal de Garantías poderá iniciar calquera investigación ou actuación conducente á solución dos desacordos e enfrontamentos que se produzan entre os diferentes sectores da comunidade universitaria.

Artigo 9

  • 9.1. O presidente/a do Tribunal de Garantías comunicaralles, por escrito, aos sectores implicados que dispoñen dun máximo de quince días para poder formular por escrito as súas pretensións e presentar os documentos en que as fundamentan.
  • 9.2. Concluído o prazo precedente, o presidente/a do Tribunal de Garantías convocará os sectores implicados a unha sesión conxunta en que se intentará a conciliación, informará e razoará sobre as alegacións que se formulen e proporá fórmulas transaccionais das cuestións controvertidas.
  • 9.3. As conclusións e acordos que resulten da sesión de conciliación recolleranse nunha acta que será asinada polo Tribunal de Garantías e polos sectores implicados, a cal terá carácter vinculante.

Capítulo IV: Procedemento na tramitación de queixas e reclamacións

Artigo 10

As actuacións do Tribunal poderán iniciarse de oficio, sobre as materias universitarias que considere oportunas, ou por instancia de parte. As queixas, tanto individuais como colectivas, formularanse por escrito no prazo máximo de dous meses dende que se tivese coñecemento dos feitos que motivaron a solicitude de intervención.

Artigo 11

As queixas ou reclamacións dirixiranse ao presidente/a do Tribunal, e deberanse presentar no rexistro que para tal efecto se habilitará na sede doTribunal, ou en calquera dos rexistros da Universidade. Nestas farase constar as xestións realizadas previamente perante a administración universitaria, e achegarase a documentación necesaria para facilitar a tramitación da queixa ou reclamación formulada. En ambas as dúas figurarán os datos persoais e a sinatura da ou das persoas interesadas, os números do DNI e o domicilio para os efectos de notificacións.

Artigo 12

  • 12.1. O Tribunal de Garantías, nun prazo máximo de 15 días, contestará motivadamente respecto de se procede ou non a admisión a trámite das queixas ou reclamacións recibidas. Rexeitaranse as anónimas, as formuladas sen fundamento suficiente (logo do informe da Asesoría Xurídica), as que estean sometidas a instancias xudiciais e as que estean pendentes dun expediente administrativo sancionador. En todos os casos, daráselles traslado ás persoas interesadas da motivación que fundamentou a inadmisión. O anterior non impedirá, non obstante, a investigación sobre os problemas xerais suscitados por estas queixas.
  • 12.2. Cando das actuacións practicadas se desprenda que unha queixa foi orixinada polo abuso, arbitrariedade, discriminación, erro, neglixencia ou omisión dun membro da comunidade universitaria ou dun órgano colexiado, o Tribunal presentaralle un informe ao reitor/a para que tome as medidas axeitadas para o restablecemento da situación perturbada.
  • 12.3. O Tribunal de Garantías comunicaralles as recomendacións positivas ou negativas aos órganos académicos correspondentes, e solicitaralles que, nun prazo de 15 días dende a súa recepción, comuniquen a este tribunal se aceptan ou non a recomendación.

Capítulo V: Nomeamentos e cesamentos

Artigo 13

O Tribunal será convocado polo seu presidente/a, cunha antelación mínima de 72 horas á celebración da sesión, e poderá convocarse con menor antelación cando haxa algunha razón urxente que o xustifique.

Artigo 14

O Tribunal constituirase coa asistencia da maioría absoluta dos seus membros, e deberá contar sempre coa presenz do presidente/a e do secretario/a ou, no seu caso, das persoas que os substitúan.

As decisións do mencionado órgano serán adoptadas pola maioría dos votos dos asistentes á reunión e o voto cualificado do presidente/a dirimirá os posibles empates.

Artigo 15

O Tribunal nomeará un vicepresidente/a e un secretario/a de entre os seus membros.

Artigo 16

Os membros do Tribunal serán elixidos por un período de catro anos, agás os representantes do estudantado, que o serán por dous. En ambos casos, con posibilidade dunha soa reelección consecutiva.

Artigo 17

No caso de que cesase algún dos membros do Tribunal antes da expiración do prazo do seu nomeamento, a súa baixa será provista polo Claustro, na maior brevidade, mediante nova elección, na forma establecida nos Estatutos.

Capítulo VI: Apoio institucional do exercicio do cargo

Artigo 18

O Tribunal de Garantías terá a súa sede nun local diferente do que habitualmente estea o equipo reitoral e no que se establecerá o rexistro para a presentación das queixas e reclamacións. En calquera caso non se localizará en ningún centro ou sede departamental.

Artigo 19

A Universidade deberá facilitarlle ao Tribunal de Garantías o apoio administrativo e material necesario para o adecuado desempeño das súas funcións.

Artigo 20

A dotación económica necesaria para o funcionamento do Tribunal será incluída no orzamento da Universidade de Vigo.

Artigo 21

A figura do presidente/a do Tribunal de Garantías equipararase para os efectos económicos, protocolarios e de exención docente, á de vicerreitor/a.

Capítulo VII: Disposicións finais

Artigo 22

As decisións e propostas do Tribunal non serán susceptibles de recursos.

Artigo 23

A iniciativa para a reforma do presente regulamento requerirá o acordo da maioría dos membros do Tribunal de Garantías ou a do Consello de Goberno ou a do Claustro. A súa aprobación corresponderalle ao Claustro.

Artigo 24

Este regulamento entrará en vigor ao día seguinte da súa aprobación polo Claustro, e quedarán derogadas todas as normas que se opoñan ao presente regulamento.

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal