DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo recolle o ránking de Shanghai de 2023

A UVigo, unha das 600 mellores universidades do mundo

A institución académica está entre as 75 máis destacadas en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Internacional
  • Investigación
  • Institucional
DUVI 25/08/2023

A Universidade de Vigo volve un ano máis a estar entre as 600 mellores universidades do mundo. O Academic Ranking of World Universities (ARWU), máis coñecido como ránking de Shanghai, feito público este mes de agosto sitúa a UVigo no tramo das 501-600 mellores institucións académicas (a primeira do Sistema Universitario de Galicia e entre as 14 máis destacadas de España). Por ámbitos de coñecemento, sobresae a súa posición en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos, onde está entre as 75 mellores universidades do mundo.

“Seguimos manténdonos no grupo 501-600 ao igual que nos anos anteriores. Aínda que pareza que estamos igual é moi importante ser quen de manterse e non caer. Máis de 3000 universidades de todo o mundo están intentando mellorar para subir nos ránkings e polo tanto manterse é un éxito”, explica Belén Rubio, vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación da Universidade de Vigo. Porén, subliña, “a nosa aspiración para este período é chegar a estar de novo entre as 500 mellores universidades do mundo, como xa estivemos no ano 2012”.

O ránking ARWU, liderado este ano polas universidades de Harvar, Stanford e o Instituto Tecnolóxico de Massachusetts, utiliza seis indicadores para clasificar as universidades do mundo, entre os que están o número de investigadoras e investigadores altamente citados seleccionados por Clarivate ou o número de artigos indexados en Web of Science. Alén dun ránking global, ofrece información por ámbitos de coñecemento ou materias. Así, a Universidade de Vigo sitúase neste 2023 entre as 51-75 mellores do mundo en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos; entre as 151-200 en Oceanografía; entre as 201-300 en Enxeñaría de Telecomunicación e Xestión Turística; entre as 301-400 en Enxeñaría Eléctrica e Electrónica e Ciencias Políticas e entre as 401-500 en Ciencias da Terra, Ecoloxía, Biotecnoloxía, Ciencias Agrícolas, Educación e Ciencias Farmacéuticas. Ante estes resultados, Belén Rubio apunta que “dous aspectos son clave: a captación de talento e a focalización do talento en centros ou institutos de investigación. Se temos centros relevantes, isto axudará a traer máis talento”.

Resultados en diferentes áreas de coñecemento

Por materias, a mellor posición da UVigo no ránking de 2023 está en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos, onde se posiciona no tramo 51-75. Neste senso, a vicerreitora sinala que neste eido de coñecemento “seguimos mantendo o liderado e isto significa que seguimos o ritmo doutras universidades: todas medramos e conseguimos manternos na mesma posición neste eido”. Isto, explica, “vén derivado das e dos investigadores altamente citados que pertencen a este ámbito pero tamén da produción científica do Instituto de Agroecoloxía e Alimentación”, engadindo como en Ciencias Agrícolas a Universidade de Vigo está no tramo de 401-500 do citado ránking.

Tamén como exemplo de que “a agrupación das e dos investigadores nos centros de investigación potencia o nivel investigador e a captación de talento”, Belén Rubio apunta o caso do Centro de Investigacións Mariñas-CIM e como a UVigo está neste ránking entre as 151-200 mellores do mundo en Oceanografía, ademais de ben posicionada en materias como Ecoloxía ou Ciencias da Terra. “Agardamos que a instalación nos edificios da ETEA do CIM axude a potenciar as sinerxías co CSIC e con outras institucións do ámbito mariño e a continuar medrando”, afirma a vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación.

No que se refire ao ámbito das enxeñerías, a responsable académica tamén pon en valor a posición das Telecomunicacións “no que o noso centro AtlanTTIC ten una destacada relevancia” e onde a UVigo mantén a mesma posición que o ano anterior (201-300). Este resultado, indica, “é o froito do bo facer do persoal investigador deste centro, e penso que imos mellorar a raíz do impulso que suporá a creación do laboratorio cuántico no marco do Plan Complementario de Comunicacións Cuánticas, no que estamos a captar talento de primeiro nivel”.  Algo semellante, engade Belén Rubio, “podemos dicir do CINTECX”, destacando no ámbito da enxeñería eléctrica como a UVigo está entre as 301-400 mellores universidades do ránking. A este eido, apunta, “imos tamén darlle un pulo coa nosa incorporación na alianza ATHENA no marco das European Universities”.

Respecto aos resultados acadados pola UVigo neste Academic Ranking of World Universities 2023, a responsable académica tamén sinala que “conseguimos continuar nas primeiras 500 universidades do mundo en ámbitos moi competitivos como a Biotecnoloxía e Ciencias Farmacéuticas, o que me leva de novo a destacar o papel do CINBIO, un centro en clara progresión ascendente”. Así, detalla, “a recente incorporación de talento neste centro, así como a captación de figuras como Marie Curie ou Ramón y Cajal, destacan no CINBIO e axudan a manterse no nivel doutras institución, que tamén loitan por medrar coma nós”.

Por último, Belén Rubio destaca os resultados acadados no ámbito das Ciencias Sociais, como en Xestión Turística (no tramo 201-300), Ciencias Políticas (301-400) e Educación (401-500), que “reflicten o crecemento dos campus de Ourense e Pontevedra”.