DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun ciclo de obradoiros da Facultade de Comunicación, patrocinado polo Consello Social da UVigo

Profesionais do audiovisual asesoran o alumnado nas súas curtametraxes 

Entre as e os responsables de impartilos, atópanse gañadores de premios Goya e Mestre Mateo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cine
  • Estudantado
  • Académica
DUVI Pontevedra 22/03/2024

A realización dunha curtametraxe é un dos traballos que o alumnado do Grao en Comunicación Audiovisual ten que desenvolver no marco da materia Guión, produción e realización de ficción. Neste labor, as e os estudantes contarán co asesoramento, como apunta o profesor Paulino Pérez, de “recoñecidos profesionais do audiovisual galego”, responsables de impartir os diferentes talleres que desde este venres e ata finais de abril se desenvolven neste centro. Promovida co patrocinio do Consello Social da Universidade de Vigo, estes obradoiros profesionais teñen como obxectivo achegar ao alumnado “as rutinas de traballo” dos diferentes departamentos dunha produción audiovisual, mais tamén que “poida consultarlles dúbidas respecto de como desenvolver os seus proxectos” e recibir asesoramento, explica Pérez. A actividade arrancou este venres cun taller sobre o departamento de dirección, impartido por Bibi Juanes, e contará nas próximas semanas coa participación de profesionais como o director de son David Machado, gañador dun premio Goya, ou a directora de fotografía Lucía C. Pan, gañadora de dous Mestre Mateo.

Abertos a todo o alumnado da titulación, estes obradoiros abranguen, por unha banda, unha abordaxe das áreas de traballo destes profesionais, dirixidas a “coñecer de primeira man as rutinas técnicas de cada un dos departamentos, desde a preprodución ata a posprodución”, apunta Pérez. A partir de aí, o segundo bloque de cada sesión, centrarase no asesoramento aos diferentes proxectos, neste caso pondo o foco nos traballos que desenvolven para a materia de ficción. Nela, como explica o coordinador desta actividade, ademais dunha primeira curtametraxe que debe adaptarse aos requisitos do festival Notodfilmfest, deben realizar tamén en diferentes grupos unha peza dunha maior duración, nunha iniciativa que en cursos anteriores deu como resultado proxectos que logo resultaron premiados en diferentes festivais, como O que queda de nós ou Estatus.

Do desenvolvemento dos guións á montaxe

O traballo de planificación e xestión, que se desenvolve desde o departamento de dirección e o proceso de organización dun guión foi o eixe do primeiro destes obradoiros, impartido pola axudante de dirección Bibi Juanes, titulada en Comunicación Audiovisual pola UVigo e que nos últimos anos ten traballado en producións como O Corno, de Jaione Camborda, ou Matria, de Álvaro Gago. 

Outra egresada da UVigo, a titulada en Belas Artes e nos Estudos Superiores de Deseño Téxtil e Moda de Galicia (Esdemga) Melania Freire será a responsable da segunda sesión, centrada na dirección de arte. Enfocado na “creación do espazo visual”, este taller será impartido pola que foi directora de arte tanto de O Corno como de Matria, que previamente traballou tamén en producións como O que arde, de Oliver Laxe, ou Longa noite, de Eloy Enciso, ao que suma a súa traxectoria como deseñadora de moda, pola que acadou recoñecementos como o premio do Ego da Fashion Week Madrid. Unha semana máis tarde, a actividade porá o foco no deseño da atmosfera visual, da man da tamén exalumna de Belas Artes Lucía C. Pan, cuxo labor como directora de fotografía levoun a ser gañadora de dous premios Mestre Mateo, polo seu traballo en Dhogs, de Andrés Goteira, e Trote, de Xacio Baño. Recoñecido tamén nestes galardóns da Academia Galega do Audiovisual e gañador do Goya ao mellor son en 2016, por El desconocido, de Dani de la Torre, o seguinte taller correrá a cargo do director de son David Machado. Programado para o 19 de abril, terá como eixes a rodaxe e deseño do espazo sonoro.

Finalmente, este ciclo pecharase o 26 de abril abordando a organización e fluxos de traballo na montaxe dunha produción audiovisual. Esta sesión terá como responsable á Lu Rodríguez, quen nos últimos anos traballou como montadora para series como Rapa ou El desorden que dejas e para longametraxes como Fatum