DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O centro acolleu este venres unha xornada sobre numismática

Ciencias Empresariais e Turismo achégase á moeda medieval

Coa participación dos especialistas Antonio Roma e Manuel Mozo

Etiquetas
  • Medios
  • PDI
  • Ourense
  • Cultura
Rosa Tedín DUVI Ourense 29/06/2018

A Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense acolleu este venres a celebración da Xornada numismática: moeda medieval. A cita contou coas intervencións dos especialistas na materia Antonio Roma, que falou sobre a acuñación de moeda e a aparición da arte románica no reino de León, e Manuel Mozo, que se centrou na moeda medieval románica nos reinos de Castela e León entre os séculos VIII e XIII. 

A xornada, explicou o seu promotor, o profesor da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo Nemesio Pereira, naceu “dentro do concepto de universalidade do coñecemento que debemos fomentar desde a universidade” e co obxectivo de “dar a coñecer, a entender ao público asistente, que unha moeda é moito máis que o seu valor, xa que proporciona moitísima información. Foi a primeira fonte de información que había na antigüidade”. Como exemplo, este experto en numismática citou como ao ver unha moeda de Castela e Aragón co rei e a raíña mirándose se fala da unión destes dous reinos. 

A actividade celebrada este venres, que conta co apoio de ademais do centro, da Vicerreitoría do Campus de Ourense e do Consello Social da Universidade de Vigo, nace con vocación de continuidade no futuro. “A pretensión é abordar os catro grandes sistemas financeiros da historia ata chegar ao euro”, comentou Nemesio Pereira. Para esta primeira edición, a xornada contou “cos dous mellores especialistas en moeda medieval e sobre todo en moeda do reino de Castela e León”, segundo subliñou o director da cita. Aínda  que cada un deles exerce unha profesión diferente á numismática, ambos, sinalou, son referentes nos temas abordados e están abalados por unha dilatada traxectoria de publicacións e estudos. 

A evolución do sistema monetario

Durante a súa intervención, Antonio Roma explicou como “a moeda é un medio de financiamento na Idade Media que xera unha economía moi especial e diferente á que temos hoxe”. Así, debullou para as e os asistentes a relación entre a moeda medieval e a construción de igrexas románicas durante ese período en Galicia e a contorna e como se foi conformando unha economía baseada na moeda. “A boa relación entre os canteiros e os que acuñaban a moeda é o que permitiu que se construísen todas estas igrexas”, indicou Roma. Durante a súa intervención falou da moeda medieval como “unha moeda bonita, adaptada á arte medieval” que viviu “unha explosión no cambio do século XI ao XII” grazas entre outros factores ao desprazamento de metal que se produciu ao noroeste peninsular. 

Pola súa banda, Manuel Mozo fixo un percorrido na súa conferencia pola evolución da moeda medieval no reino de Castela e León, diferenciando catro períodos. No primeiro deles, apuntou, a moeda está marcada polas influencias da cultura anterior, e no segundo caracterizouse por enmarcarse na arte románica e polo seu carácter relixioso. O terceiro período sería o iniciado arredor de 1230, coa unificación dos reinos na figura de Fernando III, mudando o tipo de moeda cara unha arte postrománica e de representación da figura do monarca, e o cuarto período sería o gótico.