A páxina principal do novo portal institucional

A nova web da Universidade precisa dun sistema de navegación que facilite chegar con rapidez e coherencia aos múltiples contidos e servizos. Mais tamén ten que ser o medio de información que a comunidade universitaria require e a canle de comunicación coa que dirixirnos á sociedade en xeral. A páxina principal deseñouse con este sentido.

Fai clic aquí para ter unha visión de como quedará a portada nun navegador
[Non facer caso da mala visualización das tipografías. O que se amosa é unha imaxe  jpg]

 

Creouse a portada sabendo que gran parte da xente que nos visita comeza pola páxina principal. Tamén que moitos –cada vez máis– destes accesos son desde móbiles. Esa é a razón pola que se escolleu un deseño por andares.

A orde destas zonas será cambiable, é dicir, cada andar poderá estar máis arriba ou máis abaixo segundo se decida ou as obrigas comunicativas da institución o demanden.

Zonas da portada:

1 e 10. Cabeceira e pé
Son os espazos desde os que se accede á totalidade dos contidos e servizos da web. Mantéñense ao longo de todas as páxinas. Aínda que xa se adiantou algo sobre a navegación (mirar o artigo “Cores, tipografías e estilo”), nunha próxima entrega concretarase a proposta de funcionamento dos menús, da navegación e das distintas formas de chegar aos contidos.

2. Un asunto relevante e con certa duración no tempo
Unha noticia importante que transcenda o día a día. A campaña de captación de estudantes. Unha convocatoria que non se pode perder. Unha data conmemorativa imprescindible…

3. O Diario da Universidade
O DUVI con nova aparencia.

5. As redes sociais da UVigo
A última publicación en Facebook, os chíos máis recentes e o vídeo de YouTube que máis se estea movendo. Sobre o “muro social”, ao que leva o botón que o liga, falaremos noutro artigo.

6. Unha axenda renovada e máis visible
Ter unha axenda completa axuda a apreciar con claridade a dimensión e a actividade de calquera organización. Este, o mesmo que outros andares, será personalizable, de xeito que pode ter cinco eventos –un deles destacado, como o caso que se amosa–, ou catro ou oito, segundo se precise.

7. Os avisos
Nesta zona recolleremos os máis recentes. Actualmente, a Secretaría Xeral e a Área TIC están traballando na renovación da web de avisos e nunha nova ordenación dos seus tipos, co obxectivo de facela máis efectiva e comunicativa. Tamén será personalizable e poderá amosar catro ou oito.

8. Tamén na UVigo
Este andar conterá informacións menos institucionais, que axuden a que coñezamos mellor as diversas actividades da comunidade. Poderá recoller de tres, seis ou nove referencias.

Comentarios: 2 comentarios

  1. Bo día.

    Unha pregunta ¿ Cómo se fará a selección dos eventos da “Axenda” e “Avisos” que aparecerán visibles na páxina principal?

    Grazas. Saúdos

  2. Ola Anabel

    1) No caso da Axenda, os eventos que aparecen en portada defíneos o persoal do DUVI con criterios de relevancia.

    2) Respecto aos Avisos: amosaranse automaticamente co criterio de data de emisión aqueles marcados como “levar á portada”. Cada persoa con capacidade de publicar avisos terá que decidir se marca o aviso como “levar á portada” ou non. A maiores, existirá un rol de superedición con permisos para escoller entre todos os que podan coincidir nun mesmo día. Poderá retrasar a emisión ou decidir que nunca se poña en portada.

    De todos xeitos, estean ou non en portada todos e cada un dos avisos ou eventos, facendo clic en “Ver todos” preséntase o conxunto total dos mesmos.

Deixa un comentario