O novo portal visto desde un móbil

Actualmente as webs deben ter a capacidade de adaptarse a calquera dispositivo e ser navegables, interactivas e lexibles en pantallas de todo tipo, desde un computador a un móbil e das tabletas ás televisións. O tipo de deseño que permite estas potencialidades recibe en inglés o nome de responsive design, que se vén traducindo como deseño responsivo, adaptativo ou simplemente adaptable.

De entrarmos co navegador dun móbil ou dunha tableta ao noso actual portal, comprobaremos que a web se reduce para adaptarse á pantalla, como fan comunmente as páxinas non preparadas expresamente. Este comportamento fai que sexa moi dificultoso ler os textos e aínda máis complicado facer clic co dedo nas ligazóns. É dicir, deixa de ser lexible, é complicado interactuar con el e por tanto non permite consultar a información comodamente.

No portal que estamos construíndo as páxinas adáptanse, os contidos redistribúense e preséntanse procurando conseguir o que se chama unha boa experiencia de uso. Tamén, o tamaño mantense lexible, hai espazo entre os botóns para premelos ou executar accións cos dedos e a interface permite maiores posibilidades de interactuar coas páxinas.

Queres ver o novo portal nun móbil?

Preparamos unha simulación da aparencia xeral e dalgunhas accións concretas. Podes facer clic en:

Buscar (lupa) / Pechar buscar.
A busca, loxicamente, non funciona pero as accións abrir e pechar son similares ao funcionamento real.

Abrir menú / Pechar menú.
Igual que no caso anterior.

– No pé: Ver máis / Ver menos.
Polo xeral, o pé nos móbiles non ten moita información á vista pero, por medio do botón Ver máis, mantense a coherencia coa versión de computador.

– Hai un exemplo de navegación horizontal á altura de onde aparece a ilustración de “Transparencia”. Deslizando lateralmente o cursor, chégase a un novo elemento: “Orzamentos 2016”.

Para comprobar este funcionamento preme na imaxe do móbil ou nesta ligazón.

Deixa un comentario