Mellor sen siglas: do “seix / secretaría virtual” á Secretaría

Se miraches como vai quedando a portada da nova web pode que repararas que na parte superior ademais dalgunhas ligazóns, dos distintos perfís de acceso e do buscador, aparecen uns botóns que levan á “Sede electrónica” e á “Secretaría”. Imos comentar algo sobre esta última.

Ata hai uns días para entrar á chamada “secretaría virtual” había que escribir no navegador unha URL que comezaba con “seix”. É probable que algunhas persoas lembren o que significaba pero seguro que hai moitas que non. Imos coa historia.

Aló a principios do século, a Universidade puxo en marcha unhas utilidades dixitais baixo o paraugas de Servizos informáticos de xestión, unha das liñas de traballo da ÁreaTIC. Podíase consultar a nómina, o expediente e algunha cousa máis. É dicir, “seix” hérdase das siglas do nome desa liña.

Nesta galería podemos comprobar a aparencia e os públicos a quen lles daban servizo (clic para ampliar):

 

Cando no ano 2009 se fixo a última gran transformación da web, estas utilidades chamáronse Secretaría Virtual e mantivéronse no mesmo subdominio –este do que estamos falando e que comeza por “seix”–. O avance foi substancial: podíase  consultar a nómina, cuestións de acción social e o certificado da renda; comezou a automatrícula; o persoal PDI podía acceder a XesCampus e ao SUXI…

 

Simplificando os nomes e facendo as rutas comprensibles

Despois de mirar atrás, sabemos que pasamos duns servizos de informática de xestión a ter unha secretaría virtual e, de botarmos un ollo ao dicionario, descubriremos que hai tempo que “virtual” deixou de poder aplicarse á nosa Secretaría, xa que pode que sexa dixital ou electrónica pero é unha secretaría moi real.

Co comezo deste mes de maio, a ÁreaTIC cambiou o nome de Secretaría Virtual polo de Secretaría e a URL de acceso de seix.uvigo.es pasou a ser secretaria.uvigo.gal. Este primeiro cambio é un adianto da nova política de nomes e rutas, o resultado da directiva de facer máis comprensibles e amigables as URLs e os nomes das páxinas. Cremos que será máis fácil recordar o que hai que escribir para chegar aos sitios, mais tamén pensamos que é un exercicio de transparencia e calidade no uso da web ser claros e chamarlles ás cousas polo nome.

No novo Portal, o nome Secretaría acompáñase dunha icona de persoa, xeralmente empregada cando nun espazo de Internet van solicitar unha identificación. Poñémolo así para enfatizar a idea de que a Secretaría é sobre todo un servizo persoal.

 

 

Deixa un comentario