Presentación e obxectivos da iniciativa Conectamos

Somos a Universidade de Vigo, un organismo complexo, diverso, intelixente, unha especie de rede ou coral. Estando nun campus ou noutro, estudando, investigando, dando clase ou traballando como PAS, a nosa maior riqueza é a pluralidade conectada nun proxecto que nos une.

Como organización debemos escoitar e facernos escoitar, entendernos e que nos entendan, comunicarnos entre nós –as persoas da Universidade–, e tamén relacionarnos co resto do mundo, con outras universidades, con fundacións, con empresas, coas institucións, cos medios de comunicación e coa sociedade en xeral. Agora estamos no tempo de sentar as bases para facelo mellor.

Organizando o noso universo dixital

Somos nativos de internet e nacemos canda ela. En 1990 ao que Tim Berners-Lee remataba os protocolos da “www“, botaba a andar a Universidade de Vigo. Cinco anos máis tarde rexistrabamos o noso primeiro dominio co nome “uvigo”. Agora xa somos “.gal“. É dicir, existimos en Rede e conectamos por medio da xa que é o noso principal medio de comunicar.

Abaixo, tres capturas da web recollen os cambios de aparencia maís importantes ao longo do tempo. Fai clic nas imaxes para ampliar.

O deseño da primeira portada (maio de 1998)
Captura de decembro de 2003
A aparencia actual é de marzo de 2010

 

Nestes case 25 anos que a Universidade leva en internet, aprendemos, probamos, innovamos, investigamos… como dar servizos, como achegar información, como comunicarnos. Botando a ollada atrás descubrimos cousas boas e ben feitas, mais tamén algún rastro desordenado da nosa experimentación. Agora toca planificar un futuro máis efectivo, asentar boas prácticas e xerar outras novas que nos permitan crecer, modernizar e construir unha mellor comunicación colectiva. Esta é a razón da iniciativa Conectamos.

Liñas nas que se está a traballar

Para conseguir o obxectivo que vimos comentando a iniciativa traballa en cinco grandes áreas:

COMUNICACIÓN DIXITAL

Proxéctanse as defincións e normativas que permitan avanzar con seguridade, planificando no inmediato e cun ollo no futuro. Tamén é o espazo dos proxectos que estenden as boas prácticas e asentan a idea de que comunicar ben é responsabilidade de todos e todas.

DESEÑO DAS WEBS

Achéganse as propostas e avances en relación coa aparencia, a navegación e as versións nas que se está a traballar para a visualización da web –escritorio de computadores e pantallas de dispositivos móbiles–.

ORGANIZACIÓN DO PORTAL

Para construir a web é fundamental ter un mapa o máis acabado posible dos contidos e navegación da mesma. Nesta liña procúrase facer ese mapa-web colectivamente.

CONTIDOS DO PORTAL

Dáse conta de cada fase e iniciativa para actualizar os contidos actuais, así como a planificación e metodoloxía para facer a migración á nova web.

CONSTRUCIÓN DO PORTAL

Cada desenvolvemento, cada traballo rematado no proceso de confección do no novo Portal será recollido e amosado nesta área.

Este é un proxecto participativo. A túa opinión é necesaria

Cada vez que se publica unha novidade todas as persoas que formamos a comunidade da Universidade de Vigo podemos opinar e facer suxestións. Os Comentarios son estrictamente para iso, para valorar e mellorar cada unha das propostas que se achegan, é dicir, que aquelo que non se axuste a esta idea de produción colaborativa, eliminarase para manter a creatividade e a utilidade deste proxecto colectivo.

Se queres é solicitar máis información ou facer unha achega que non se relacione cunha novidade concreta, por favor, emprega o formulario de contacto

Comentarios: 5 comentarios

  1. Unha das cousas que demandan as persoas usuarias alleas á Universidade de Vigo é poder estar informados da publicación na web das novidades relacionada con aqueles temas que máis lles interesan, por exemplo, a publicación dunha nova convocatoria de bolsas, ou de prazas de PAS ou de PDI, directamente, a través dun sistema de noticias RSS, sen necesidade de entrar repetidas veces a revisar se hai novidades, nin esperar a recibir un correo xa que non están nas listas de correo institucional.

  2. Ola,
    Parabéns polas propostas que estades a levar a cabo e, sobre todo, grazas por facer disto un proxecto colectivo.

    Gustaríame engadir neste apartado, xa que se está a falar da secretaría, que se debería facilitar os procesos para os futuros alumnos. Con isto refírome a que non estaría mal facer un redeseño do apartado de automatricula para facelo todo máis intuitivo, visual e sinxelo, sobre todo no que se refire á creación da conta de correo. Moitas persoas pérdense na creación do correo xa que hai que acceder a correoweb e ademais, acceder co NIU (algo que os novos alumnos descoñecen o que é e como atopalo, xa sei que existen guías de axuda para facelo, pero deberíase facilitar a creación, sen necesidade de guías). Os accesos deberían estar uniformizados dende a creación da matrícula. Para elo, eu recomendaría que, nada máis facer a matrícula, ademais de mostrarse o resgardo de matrícula, aparecese o correo do novo alumno así como a creación dun contrasinal para o mesmo. Tras facelo, poderíase ofrecer máis información útil para o estudante: “o teu email valerá para: secretaría, correo universitario, acceso ás redes wifi e (propoño) acceder a Faitic”. Esta última proposta débese a que a sensación principal que recibín como novo alumno é de fragmentación, non todo segue unha mesma liña de deseño nin todo ten un acceso centralizado. Moitísimas grazas por escoitarnos,

    Un saúdo

    1. Ola Millán. Moitas grazas polas túas achegas.

      Antes de nada dicir que compartimos contigo a análise e que non nos queda outra que compartir tamén a mala nova de que non imos ter solucións inmediatas 🙂

      Todos os cambios a facer no universo dixital da Universidade non se poden acometer a un tempo. Organizamos por fases o traballo e, nesta primeira, estamos poñendo orde e preparando un novo Portal, é dicir o frontal que permite atopar con lóxica e eficiencia todos os servizos e informacións.

      Outra fase, que non quere dicir que se faga secuenciamente despois pero que si que vai levar máis tempo –e o certo é que levamos anos traballando nela–, é a reorganización e modernización das distintas aplicacións que, podemos dicir, corren por baixo das webs. Cada un destes sistemas parte dunha tecnoloxía diferente e está sendo dificultoso facelos compatibles e homoxeneizar e simplificar a navegación dun a outro.

      Respecto ao que comentas das contas de correo, cremos posible ter resolta nesta primeira fase a acción de que cando se cree a conta na Secretaría o sistema envíe un correo dicindo que se xerou esta e cómo acceder a ela, o que permitirá ter unha información de benvida sen ter que ir buscala.

      Sentimos ter que dar esta resposta. O que si imos facer é recoller cada idea que expós e convertela en tarefa e rematala o antes posible.

      De novo moitas grazas polas túas suxestións

Deixa un comentario