Conectamos é o proxecto para ordenar a comunicación dixital da Universidade de Vigo, pero tamén é un exercicio de transparencia e un experimento participativo que busca a colaboración do conxunto da comunidade universitaria.

Para coñecer máis sobre algúns aspectos concretos da iniciativa, recomendamos visitar: Presentación e obxectivos da iniciativa Conectamos

Organizando a comunicación dixital

Conectamos, por así dicilo, vén ser coma un plan de ordenación urbana para o noso territorio dixital. É unha planificación que define o que é funcional e aínda ten sentido continuar utilizando, e aquelo que debemos cambiar ou crear de novo. Tamén se deciden os aspectos que hai que actualizar e as construcións de futuro que hai que acometer, entre elas a do noso edificio central, o portal institucional. Nalgún caso iremos avanzando rápido. Noutros, haberá que agardar a vindeiras fases, pero pouco a pouco, todo pasará a ser uvigo.gal. Aquí estará a nosa cidade de agora en adiante.

Un exercicio de transparencia

Dar conta de cada paso, de cada proposta e avance na construción dunha nova comunicación dixital, forma parte da política de transparencia da Universidade. A comunidade enteira estará informada dos cambios para poder opinar sobre os mesmos e para saber que novas posibilidades e responsabilidades están por chegar neste ámbito.

Participación e colaboración

Alén dos aspectos de transparencia, esta é unha iniciativa participativa. O que se procura é que toda a xente da UVigo se sinta representada na nova comunicación e no novo portal institucional, facendo suxestións e críticas, avisando cando algo non quede claro ou non estea recollido, presentando propostas que melloren o conxunto final e interiorizando cada avance e novidade como propio.

Avances, fases e repositorio

Ademais de ir publicando novidades e recollendo opinións e suxestións, irán aparecendo as convocatorias para desenvolver traballos colectivos –como por exemplo a de revisión de contidos que os máis de 200 editores e editoras do portal terán que realizar–.Conectamos pasará a ser, tamén, un repositorio de recursos e experiencias que permitan facer novas webs ou darlles ás actuais a aparencia e funcionalidades que colectivamente concretemos.