Normas: dominios, subdominios e URLs

Un repaso pormenorizado dos dominios e subdominios residentes nos nosos servidores, ou que de calquera outro xeito forman parte do universo da Universidade de Vigo, revelou que hai tempo que deixamos de ser un conxunto homoxéneo e comprensible no que aos dominios, subdominios e URLs se refire. Pero non nos vai volver pasar…

Antes de comezar os traballos relacionados coa iniciativa Conectamos fíxose unha revisión do conxunto de páxinas que poderíamos denominar “universo web” da Universidade de Vigo. Recolléronse máis de 400 nomes de dominios e subdominios e documentouse o caso de cada un: hainos que non funcionan ou que as páxinas ás que apuntan desapareceron. Outros foron mercados por empresas despois de caducaren e agora fan publicidade de produtos e servizos alleos á Universidade. Hai casos de ata tres subdominios facendo referencia á mesma web etc. É dicir, unha lea de raio!

No universo actual de UVigo hai máis de 400 nomes de dominios e subdominios

A maiores dos problemas de disgregación de identidade e da falta de harmonía do conxunto dese “universo web”, a situación xera problemas técnicos que o persoal da Área TIC ten que andar a solucionar, coa perda de horas e recursos económicos que supón.

Preparando o novo territorio dixital

Na nova realidade que estamos construíndo ao redor de uvigo.gal, a cuestión dos nomes de dominio estará regulada polo que terá unha normativa de obrigado cumprimento. No seu momento, tamén haberá que definir o período de tempo no que un dominio ou subdominio, ao deixar de ser útil, deixará de existir e por tanto haberá que eliminar.

Podes valorar este avance de Normas, ou facerlle algunha proposta, descargando e revisando o PDF que acompaña este texto.


Normas aplicables
a dominios, subdominios
e URLs (PDF. 150Kb)

 

Deixa un comentario