Novo portal: cores, tipografías e estilo

A aparencia dunha web baséase nas cores, tipografías, estilo das imaxes, botóns e como se coloca cada elemento. Nesta primeira achega preséntanse avances relacionados cos tipos, coas cores e o deseño de determinados elementos das páxinas.

Tipografía

A letra que se utiliza para representar os textos na web actual é a Verdana, creada en 1994 por Matthew Carter a encarga de Microsoft. Ten só dúas variantes: regular e negra.

A tipografía proposta para o novo Portal é a Roboto, unha familia deseñada en 2012 por Christian Robertson para o sistema operativo Android 4.0. Ten distintas larguras que van desde a máis delgada a unha super-negra ou black. A idea é que na nosa web se empreguen os “pesos” fraca, leve, regular e negra, así como as súas variantes en cursiva.

Tamén, loxicamente, úsase a tipografía New Baskerville baseada nos deseños que John Baskerville creou nos anos 50 do século XVIII. Ao ser a letra do logo da Universidade, terá unha utilización reducida, empregándose unicamente nos rótulos das seccións do menú principal da nova web. (Ver imaxe da cabeceira da web máis abaixo).

 

Cores

As webs actuais teñen –cando menos– unha segunda cor coa que combina ou contrasta o negro e os grises del derivados.

Para intentar non interferir coa identidade corporativa da Universidade de Vigo buscouse unha cor escura que respectase o máis posible a definición de utilizar de forma xeneralizada o negro e os grises. A proposta é un azul moi escuro que  realza a identidade institucional e investigadora, así como achega unha relación co mar e a auga, elementos fundamentais na personalidade da nosa universidade. En concreto a cor é a que se representa na imaxe de abaixo. En branco aparecen as numeracións en RGB e en hexadecimal, necesarios para reproducilo en aparatos informáticos.

Derivados do negro empregaranse tamén dous grises. Da declinación do azul creouse un azul agrisado para usar nas ligazóns coma esta e nalgúns destacados (no destino, mira a cor do fondo da primeira novidade).

Preme para ampliar a imaxe.

Estilo e aparencia

En xeral podes ver como funciona esta combinación tipografica e de cores repasando estas páxinas, as da iniciativa Conectamos que están xeradas partindo das definicións presentadas ata agora. Tamén se pode comprobar premendo nestes primeiros avances de cabeceira e pé que se empregarán, con lixeiras variacións, no novo Portal.

Avance de deseño da cabeceira e menú principal na versión de escritorio

Para ampliar calquera destas dúas imaxes fai clic nelas.

Avance de deseño do pé de páxina da web, versión escritorio

Que che parece? A túa valoración e suxestións serán ben recibidas nos comentarios.

Deixa un comentario