Jornadas de Gerencia: Así serán as webs de eventos

Ao tempo que se van rematando os deseños e estrutura do Portal e comezamos a construción das novas páxinas que o forman, imos facendo melloras e desenvolvementos nas aplicacións que permitirán resolver as necesidades que temos, a día de hoxe, en comunicación dixital. Produto do anterior é a creción e posta en funcionamento dun Xestor de Webs de Eventos.

Cabeceira da portada das web das XXXV Jornadas de gerencia universitaria

O primeiro produto desta nova ferramenta é a web das “XXXV Jornadas de Gerencia Universitaria“, evento que se desenvolverá na terceira semana de setembro de 2017 na nosa Universidade.

O Xestor de Webs de Eventos será de uso libre –cando se publique o novo Portal– para calquera unidade ou estrutura da Universidade de Vigo que precise crear unha web deste tipo. Facemos fincapé no de “que precise crear”, xa que haberá eventos que apenas necesiten unha ficha, cuestión contemplada na nova aplicación de Axenda que estamos a desenvolver.

O xestor terá, loxicamente, unhas normas e un protocolo de utilización que presentaremos no momento do lanzamento. A aplicación está desenvovida en WordPress para gañar en facilidade e para que a maioría dos posibles creadores das webs estean familiarizados coa tecnoloxía.

Queres ver como funcionará o novo Portal?

A web das “Jornadas de Gerencia” ten a aparencia, navegación e funcionalidades do novo Portal. Por iso cremos de interese que as persoas que editan a web institucional actual fagamos unha visita crítica á mesma. Propoñemos algunhas cuestións nas que fixarse:

Portadiña ou páxina de aterraxe das webs de eventos

O enderezo de comunicación

Aínda que agora é máis curto, a ruta real que terá un evento cando se publique o novo Portal será algo así como uvigo.gal > universidade > comunicacion > eventos > XXXX. Desde un punto de vista de comunicación non é operativo, polo que os eventos terán un acurtador propio que fará que os enderezos que se distribuan sexan uvigo.gal/XXXX-YYYY. É dicir dúas palabras separadas por guión despois da raíz. Así é como funciona xa uvigo.gal/jornadas-gerencia.

A portadiña

Os eventos e outras webs que conforman o Portal teñen unha pequena portada. Técnicamente chamóuselles landing, que entre nós se traduciu como páxinas de aterraxe. Como sabes non ten a mesma importancia para a persoa que chega, facelo nunha portada visual e con capacidade comunicadora, coma a desta web, que entrar directamente á estrutura de columnas e a un texto explicativo.

As páxinas interiores e o menú

Xa adiantamos varias veces pequenos avances en relación a como funcionaría a portada, unha nova do DUVI ou como se vería o novo Portal nun móbil. Hoxe podemos comprobar directamente como será a aparencia das páxinas interiores e o sistema de menú das mesmas.

Por exemplo, entra en “Presentación” e navega polo menú ata “Viajes y reservas”. Nesta páxina, en “Como llegar” podes apreciar unha navegación por pestanas ou o que é o mesmo, un modelo de menú interno. E se logo segues a “Qué ver, qué hacer” verás unha navegación en acordeón vertical.

A visión desde un móbil

Para rematar recomendámosche facer unha viaxe semellante á anterior pero desde o navegador dun móbil. Verás como loce e que ben funcionan as páxinas na pantalla dun teléfono.

Agardamos que che guste a páxina das “XXXV Jornadas de Gerencia“. Xa sabes, se atopas algo que non estea ben ou que sexa mellorable, ou tes calquera dúbida ou suxestión, utiliza os comentarios ou o correo directo.

Deixa un comentario