Gabinete Psicopedagóxico

manos entrelazadas

O Gabinete Psicopedagóxico da Universidade de Vigo é un servizo comprometido coa calidade universitaria, especialmente co estudantado, ofrecendo información, asesoramento e formación en ámbitos tanto persoais como académicos.

A súa misión é a de fomentar e desenvolver as actitudes necesarias en todas as persoas que pertenzan á nosa comunidade co fin de poder afrontar con éxito os obstáculos que se poidan presentar na vida universitaria. Para iso ofrece as ferramentas e orientacións de tipo psicopedagóxico que sexan necesarias.

Pode acceder a este servizo gratuíto todo o alumnado matriculado na Universidade de Vigo.

A prestación de servizos de apoio psicopedagóxico aos estudantes da Universidade de Vigo integrará as seguintes actividades:

Asesoramento académico

Asesoramento individual ou colectivo a estudantes da Universidade de Vigo sobre calquera cuestión relacionada co seu proceso formativo.

Deseño, programación, organización e elaboración de materiais de apoio para alumnos e alumnas.

Valoración e adecuación dos métodos de estudo persoal.

Desenvolvemento de estratexias de aprendizaxe.

Desenvolvemento de técnicas de traballo intelectual.

Os servizos de apoio psicopedagóxicos realizaranse de dúas formas, por un lado mediante a atención individualizada dos estudantes e, por outro, en grupo realizando obradoiros e cursos.

Atención psicolóxica

Atención a alumnos e alumnas con problemas psicolóxicos, de adaptación, familiares, anímicos, etc., que poidan incidir negativamente no seu rendemento académico.

Promoción, prevención e atención en materia psicolóxica.

Estudo mediante entrevistas e seguimentos, buscando a prevención de desaxustes, disfuncións e transtornos do comportamento e saúde mental no entorno universitario.

Apoio emocional.

Adestramento nas habilidades de aoutocontrol.

Detección de problemas psicolóxicos.

Aínda que a atención basicamente se desenvolva de forma presencial, tamén se poderá ofertar atención non presencial cando os usuarios e as usuarias así o soliciten ou cando non se poida cubrir doutra forma.

Obradoiros e cursos

Organización de cursos ou obradoiros orientados a asesorar aos estudantes con problemas. Entre as temáticas que se tratarán están: técnicas de estudo, de atención-concentración, afrontamento do estrés, mellora da autoestima, a motivación, a toma de decisións, hablidades sociais e relacións interpersoais, controlar a ansiedade ante os exames, mellorar as habilidades para falar en público, entre outros, de carácter práctico e orientados a complementar os programas docentes.

 

 

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal