Normativa do alumnado visitante estranxeiro

Ante o crecente interese por parte de estudantes estranxeiros que, con carácter temporal, desexan ampliar a súa formación na Universidade de Vigo, á marxe dos programas de intercambio existentes, e conscientes do papel das universidades no fomento da mobilidade interuniversitaria e a formación permanente, elementos especialmente importantes dentro do novo marco do Espazo Europeo de Educación Superior, a Universidade de Vigo, seguindo o camiño iniciado por outras institucións e no marco das súas competencias, decide crear a figura do estudante visitante estranxeiro.

Ámbito de aplicación

Alumnado estranxeiro que curse estudos nunha universidade ou institución de ensino superior estranxeira oficialmente recoñecida e que desexe ampliar a súa formación cursando materias impartidas en calquera centro da Universidade de Vigo. Esta figura do estudante visitante estranxeiro non é aplicable nin aos procedentes de programas de intercambio (como por exemplo, Sócrates-Erasmus, ISEP, MAE), nin a estudantes que cursen estudos no marco de convenios bilaterais entre a Universidade de Vigo e outras universidades.

Documentos necesarios

O alumnado deberá presentar os seguintes documentos:

  • Impreso de solicitude de estudante visitante estranxeiro
  • Carta de motivación en castelán ou galego
  • Fotocopia do DNI ou pasaporte
  • Dúas fotografías tamaño carné
  • Certificación académica dos estudos universitarios que realiza ou realizou na universidade de orixe
  • Currículo debidamente xustificado
  • Documento acreditativo do coñecemento de castelán ou galego

Prazo e lugar de presentación da documentación

O alumnado visitante estranxeiro que desexe realizar estudos durante un curso académico completo (setembro-xullo) ou o primeiro cuadrimestre (setembro-febreiro) pode presentar a súa solicitude de admisión ata o 31 de maio do ano en curso. O estudante que desexe realizar estudos no segundo cuadrimestre (febreiro-xullo) poderá presentala ata o 15 de outubro anterior. A documentación enviarase á Oficina de Relacións Internacionais da Universidade de Vigo, Edificio Miralles, Praza Miralles, campus Lagoas, Marcosende, 36310 Vigo, España.

Admisión

A notificación da admisión correspóndelle á Oficina de Relacións Internacionais, tras a aceptación dos centros en que desexe matricularse o estudante.

Matrícula

A Oficina de Relacións Internacionais comunicaralle ao estudante a aceptación para cursar os estudos solicitados na Universidade de Vigo, así como a data para formalizar a matrícula. O alumnado visitante estranxeiro poderá matricularse nesta modalidade durante un máximo dun curso académico. Con caracter xeral, deberán matricularse dun mínimo de 10 e dun máximo de 60 créditos europeos ECTS.

Poderá autorizarse a matrícula en calquera materia das ofrecidas na Universidade de Vigo. Poderá limitarse ou excluírse o acceso a determinadas materias, polas súas especiais características ou pola necesidade de impartirse en grupos reducidos.

O alumnado deberá estar en posesión do nivel de estudos suficiente ao das materias que solicite cursar.

Todo o alumnado visitante estranxeiro deberá ter un seguro médico de asistencia sanitaria con cobertura en España, que deberán presentar no momento da matrícula.

  • Os cidadáns e cidadás de países membros da UE deberán solicitar no seu país o formulario E-111 ou E-128.
  • Os solicitantes procedentes doutros países deberán presentar un seguro médico privado, ou contratar un en España antes de matricularse.

O alumnado procedente de países de fóra da Unión Europea deberá pórse en contacto coa embaixada española ou consulado máis próximo para informarse das condicións de entrada legal en España. Este alumnado recibirá unha carta de aceptación emitida pola Oficina de Relacións Internacionais para facilitarlle o trámite do seu visado de estudante.

Réxime académico

O alumnado visitante estará suxeito ao réxime de docencia e de xestión académica das materias en que se matricule e figurará nas actas ordinarias das materias como o resto dos estudantes.

Cubertas as actas oficiais segundo o calendario académico, a secretaría do centro expedirá, de forma gratuíta, dúas certificacións (en castelán e en inglés) en que constarán as materias, créditos e cualificacións obtidas ao amparo da presente normativa.

Dos estudos realizados como estudante visitante non se derivará ningún dereito en relación coa obtención de títulos expedidos pola Universidade de Vigo, nin en relación co ingreso nunha titulación. Se o alumnado visitante desexa obter unha titulación na Universidade de Vigo e o recoñecemento dos estudos cursados nela a través do disposto nesta normativa, deberá someterse á lexislación universitaria aplicable para o acceso mediante a acreditación dos títulos ou probas pertinentes e someterse ao procedemento de ingreso xeral.

Os estudantes visitantes estranxeiros poderán acceder aos diferentes servizos da Universidade de Vigo e participarán na vida universitaria cos mesmos dereitos e deberes que os estudantes estranxeiros de programas oficiais de mobilidade.

Taxas académicas e de xestión

As taxas académicas serán as establecidas oficialmente cada curso acádemico pola Xunta de Galicia. O alumnado aboará o importe que corresponda aos créditos en que se matricule, ao sobre de matrícula, ao seguro escolar, á tarxeta de estudante e á apertura de expediente.

Ademais, aboará pola xestión da solicitude por parte da ORI, 400 € para estadías cuadrimestrais e 800 € para estadías anuais segundo o impreso facilitado pola Oficina de Relacións Internacionais.

Taxas académicas 2011/2012

Taxas académicas 2012/2013

Pagamento de taxas académicas

O alumnado deberá facer efectivo o pagamento da matrícula e da xestión da ORI nun só pagamento ao inicio do curso. Mentres non se acredite o pagamento destes conceptos, a solicitude quedará admitida condicionalmente e, finalizado o prazo indicado para facelo efectivo, o non pagamento parcial ou total implicará o rexeitamento da solicitude de matrícula que será arquivada, coa perda das cantidades xa aboadas ata ese momento.

A Oficina de Relacións Internacionais enviaralles ás secretarías dos centros a relación nominal de alumnado visitante estranxeiro.

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal