Saúdo do reitor

Foto Rector

En nome de toda a comunidade universitaria á que represento, recibe unha cordial benvida á páxina web da Universidade de Vigo, unha institución pública, comprometida co desenvolvemento do seu contorno a través da formación que imparte e a transferencia de coñecemento.

Na tarefa de difusión da actividade da nosa universidade, a web é un instrumento clave para achegarse a aspectos como a súa estrutura e funcionamento, a oferta académica, cultural e deportiva e a actividade investigadora. Mediante a actualización e incorporación de novos contidos, este portal pretende facilitar de xeito claro, toda a información que precisa, non só a comunidade universitaria, senón o conxunto da sociedade de que formamos parte.

Creada en 1990, a Universidade de Vigo logrou consolidarse neste tempo como un referente de modernidade e innovación en Galicia. Nos seus tres campus Ourense, Pontevedra e Vigo, impártense, na actualidade, titulacións nos ámbitos científico, humanístico, tecnolóxico e xurídico-social, repartidas entre case unha trintena de centros, onde tamén desenvolven a súa actividade os grupos de investigación. Unha rede de centros propios, completa o mapa de infraestruturas destinadas á investigación coas que conta a Universidade de Vigo que logrou situarse no posto 15 da clasificación de universidades españolas en produción científica.

Para dar resposta á formación integral dos profesionais que a sociedade actual demanda, a Universidade de Vigo dispón, nos tres campus, de infraestruturas exclusivamente destinadas ao tempo de lecer como piscinas, pavillóns, teatro e salas de exposicións. Así mesmo, a nosa institución promove e facilita a mobilidade do estudantado, ata o punto de situarse á cabeza de Galicia en número de estudantes estranxeiros recibidos e estudantes propios enviados ao estranxeiro.

Moderna, activa en prol da igualdade de xénero, atrevida e plural, a Universidade de Vigo ten nas persoas o seu principal activo, e a elas, coa intención de que nos coñezan, diríxese esta web en que, máis alá de cuestións relacionadas coa docencia e a investigación, se pon de manifesto a nosa firme aposta por unha formación integral transmisora de valores igualitarios e a vocación de servizo á sociedade.

Salustiano Mato de la Iglesia

Reitor da Universidade de Vigo

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal