Como chegar

Tres campus cunha fisionomía ben diferenciada e localizados nas tres cidades máis importantes do sur de Galicia, Ourense, Pontevedra e Vigo, configuran a Universidade de Vigo.

Totalmente integrado no centro urbano, o Campus de Ourense conecta as súas dependencias máis novas coa súa parte antiga a través dunha pasarela, que permite que as súas seis facultades e un centro adscrito, e os seus complexos residencias e deportivos estean moi preto.

Conformando un recinto arquitectónico de recente creación, atravesado polo río Lérez e rodeado pola Illa das Esculturas, atópase o Campus de Pontevedra. As súas seis escolas e facultades, nas que se imparten unha ducia de titulacións, constitúen o eixo central dunha vida universitaria que ten na cultura, o deporte e a natureza os seus aspectos diferenciais.

Afastado, pero á vez preto do centro da cidade, sitúase o Campus de Vigo. Referente da arquitectura contemporánea, o campus vigués conta, entre o seu patrimonio, con obras de Enric Miralles, Alberto Noguerol e Pilar Díez, César Portela ou Gabriel Santos Zas. Deste xeito, xunto á decena de escolas e facultades, nas que se imparte a súa oferta académica, neste campus, arquitectonicamente moderno pero totalmente integrado no medio natural, localízanse o edificio da Reitoría, o de Servizos Centrais, a biblioteca central, o centro comercial e as instalacións deportivas como a piscina, o ximnasio ou as pistas de atletismo. Ademais, no mesmo centro da cidade de Vigo, a Universidade conta con instalacións docentes como as escolas de Estudos Empresariais e de Enxeñaría Técnica Industrial.

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal