Correo electrónico

A ATIC da Universidade de Vigo é a responsable da administración e mantemento dos servidores que proporcionan a entrada e saída do correo á Universidade de Vigo, dentro do modelo centralizado de organización do servizo de correo.

Tamén son responsables da administración e mantemento das contas de correo nos seguintes dominios:

  • uvigo.es: Contas do tipo usuario@uvigo.es (PDI e PAS, contas institucionais e de servizos, etc.)
  • alumnos.uvigo.es: Contas do tipo usuario@alumnos.uvigo.es (alumnos)

Pola súa naturaleza o servizo de correo electrónico, aínda que nunha porcentaxe moi elevada entrega as mensaxes con éxito e en pouco tempo, non garantiza, en ningún caso, a entrega dunha mensaxe.

Unha mensaxe de correo pode entregarse con retraso ou non chegar ó seu destino debido a diferentes motivos:

  • caídas imprevistas nas liñas de comunicacións
  • límites de espazo no buzón do receptor
  • mensaxes rexeitados por conter virus ou ser detectados como spam.
  • saturacións temporais do servizo debido a envíos masivos de correo (spam)

Nos servidores responsabilidade dos servizos informáticos lévase un rexistro das mensaxes recibidas e enviadas, como axuda e guía na resolución de problemas do servizo. Este rexistro de mensaxes consérvase durante 3 meses.

O límite do tamaño da mensaxe é de 50 Mb. As mensaxes almacenaranse ata 5 días antes de ser rexeitadas en caso de que non se poida acceder ó servidor de correo de destino.

 

Medidas contra as mensaxes lixo: anti-spam e anti-virus

A fin de frear a incidencia das mensaxes lixo no servizo de correo adóptanse as seguintes medidas:

  • Centralización do servizo de correo
  • Rexeitar mensaxes enviadas dende servidores sen resolución DNS inversa
  • Publicación de rexistros SPF
  • Filtrado antivirus
  • Filtrado antispam

As mensaxes nas que se atopa un virus son descartadas e as detectadas como SPAM son marcadas no servidor de correo. En esta páxina pode atopar máis información ó respecto das medidas para combatir o SPAM no servizo de correo electrónico na Universidade de Vigo.

Acceso ó correo electrónico

Proporciónase ós usuarios de servidores rexistrados o acceso ó correo dende os seus domicilios, empregando:

Configuración dun cliente de correo

A configuración recomendada é a seguinte:

  • Servidor de correo entrante: imap.uvigo.es
  • Servidor de correo saínte (SMTP): smtp.uvigo.es
  • Nome de usuario: usuario completo (usuario@uvigo.es ou usuario@alumnos.uvigo.es)
  • O servidor de correo de saída (SMTP) require autentificación
  • Números de porto do servidor
    • Servidor de correo de entrada (IMAP): 993
      • Empregar conexión cifrada (SSL)
    • Servidor de correo de saída (SMTP): 587
      • Empregar conexión cifrada (TLS)

En todo caso a configuración completa e os posibles valores indícanse no apartado de titoriais do espazo web do ATIC

Só se acepta o envío de correos con remitentes dos dominios @uvigo.es e @alumnos.uvigo.es dende os servidores proporcionados polo ATIC, se se envía correo dende o exterior da Universidade de Vigo con remitentes de estes dominios debe empregarse como servidor de correo saínte o servidor smtp.uvigo.es coa configuración indicada.

Outros servizos de correo

Préstanse os seguintes servizos asociados a súa conta de correo, que poden ser configurados dende o acceso web ó correo, como se indica no apartado de titoriais do ATIC.

Limitacións no envío de mensaxes: número e tamaño

O número máximo de destinatarios que se aceptan nunha mensaxe é de 250, se necesita enviar correos a máis destinatarios de xeito regular pode ser preferible que empregue o servizo de listas de correo.

O límite de tamaño das mensaxes é de 50 MB. Compre ter en conta que, dada a codificación dos arquivos adxuntos, o tamaño real dos arquivos que se pode enviar é menor (uns 38 MB).

En todo caso non recomendamos o envío por correo electrónico de arquivos deste tamaño, no caso de ter necesidade de enviar arquivos grandes o correo electrónico non é o mecanismo máis axeitado.

De ser necesario facelo pode emprear o Servizo FileSender de Terena. A este servizo, que presta Terena, pode acceder coas súas credenciais de usuario (usuario@uvigo.es ou usuario@alumnos.uvigo.es) na páxina https://filesender.terena.org/. Ten unhas limitacións de espacio moito menores.

Contas de usuario

A Universidade de Vigo pon a disposición da comunidade universitaria contas de usuario no dominio uvigo.es para todo o persoal (PAS e PDI, contas institucionais ou de servizos) excepto os alumnos que dispoñen de contas no dominio alumnos.uvigo.es.

As contas nestes dominios serán administradas polo persoal dos ATIC e os datos públicos dos usuarios (dirección de correo, nome, departamento, páxina web) estarán publicados no directorio de usuarios de correo salvo que o usuario indique que non desexa aparecer en neles.

No apartado de Identidade e contas de usuario desta mesma web indícanse en detalle as características das contas de usuario. 

Espazo en disco

O espazo en disco que se ten para as contas de correo é limistado:

  • Correo:
    • @uvigo.es : 2 Gb de espazo para correos
    • @alumnos.uvigo.es: 256 Mb de espazo para correos

Copias de seguridade

Farase como mínimo unha copia semanal completa dos datos do usuario (conta de correo, carpetas IMAP e páxinas web en webs.uvigo.es). Non se garantiza a existencia dunha copia diaria dos datos, a copia semanal se manterá durante 6 meses como máximo.

A petición para recuperar os datos dunha conta será dirixida ó servizo de atención ó usuario, que a remitirá ó administrador do sistema, que será quen supervise a recuperación dos datos.

Listas de correo

Existen unha serie de listas de correo que poden ser empregadas como foros de discusión para distintos temas. Estas listas en algúns casos non están limitadas a usuarios da Universidade de Vigo.

Cando un usuario é creado é subscrito por defecto só á lista de correo inforede@listas.uvigo.es.

Existen outras listas de uso xeral ás que ó usuario pode subscribirse dende o servidor de listas de correo http://listas.uvigo.es, como as seguintes:

Dado o gran número de mensaxes que se xeneran cando se envían correos ás listas recoméndase non empregar estas listas xenéricas como mecanismo de comunicación recomendado, e en todo caso as mensaxes remitidas ás listas principais están limitadas a un tamaño máximo de 50Kb.

Pódese solicitar a creación dunha lista de correo enviando un correo a solicitudes.listas@uvigo.es, as condicións son as indicadas neste enlace.

Usuarios de subdominios

En algúns centros hai subdominios de correo específicos non administrados polo ATIC (@com.uvigo.es, @det.uvigo.es, @dma.uvigo.es, @dte.uvigo.es, @ei.uvigo.es, etc).

Os usuarios de subdominios do tipo dominio.uvigo.es (conta do tipo login@dominio.uvigo.es) que desexen empregar os servidores de correo proporcionados polo ATIC para ler ou enviar ó correo poden conectarse mediante:

Na configuración o cliente de correo deben indicar:

  • Servidor de correo saínte: smtp.uvigo.es
  • O servidor de correo saínte acepta conexións seguras (TLS)
  • O servidor de correo saínte emprega autentificación, e indicar como usuario:
    • Usuario: login@dominio.uvigo.es
    • Password: O contrasinal que o usuario empregue para ler o correo

Para que este acceso funcione en dominios non administrados directamente polos servizos informáticos (servidores de centros, departamentais ou de grupos de investigación) este terá que ser habilitado previamente, no caso de que sospeiten que o servizo non está a funcionar, poden poñerse en contacto co administrador do servizo de correo.

No caso de que o servidor do subdominio sexa comprometido os servizos informáticos poderán bloquear este servizo de forma temporal e namentres non se arranxe o problema para evitar accesos non desexados.

No caso de que o administrador das contas de correo no subdominio non considere necesario este servizo este será bloqueado de forma permanente.

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal