Historia da Universidade de Vigo

Da Escola Superior de Industria á segregación

Creada en 1990 por segregación da Universidade de Santiago de Compostela, a orixe da Universidade de Vigo hai que buscala, porén, a comezos do século XX, e máis concretamente en 1901 cando inicia a súa actividade docente a Escola Superior de Industria. Non obstante, non foi ata 1970 cando os títulos impartidos por esta escola e os de estudos empresariais, impartidos na Escola de Comercio, tiveron consideración universitaria ao pasar a depender da Universidade de Santiago.

Foi tamén nesa década de 1970, concretamente en 1972, cando atendendo á crecente demanda de ensino superior existente na área xeográfica de Vigo, a Obra Social da Caixa de Aforros de Vigo, NCG Bancona actualidade, aproba a creación, no monte das Lagoas, en Marcosende, do Colexio Universitario de Vigo, que xa no curso 1977-1978 comeza a impartir os tres primeiros cursos das licenciaturas de Ciencias Químicas e Biolóxicas, Económicas e Filoloxía. Dous anos máis tarde a Universidade de Santiago de Compostela integra os estudos impartidos polo Colexio Universitario de Vigo baixo a súa tutela académica e administrativa.

Foi en 1990 cando por segregación da Universidade de Santiago de Compostela nace a Universidade de Vigo. Tal como se recolle na exposición de motivos a Lei 11/1989 do 20 de xullo, tiña dous obxectivos: superar as carencias universitarias existentes en Galicia e reordenar o sistema universitario da comunidade autónoma galega, atendendo aos criterios de desenvolvemento e renovación da estrutura educativa. Elaborouse para tal efecto un novo mapa educativo a partir da Universidade de Santiago, mediante a implantación de dúas novas universidades: a da Coruña, con sede na cidade herculina e con campus en Ferrol, e a de Vigo, con sede na cidade olívica e con campus en Pontevedra e Ourense.

O 1 de xaneiro de 1990 e grazas a unha habilitación da Xunta de Galicia para a segregación de centros e servizos, apróbase o Decreto de segregación 3/1990, en que se relacionaban os centros, titulacións e servizos administrativos transferidos.

Claustro, Reitoría e Estatutos

Un ano despois da aprobación do Decreto de segregación, a Universidade de Vigo elixe o seu primeiro Claustro que celebra a súa sesión constituínte o 11 de abril de 1991. O 21 de xuño a Mesa do Claustro acorda convocar eleccións a reitor ou reitora o 4 de xullo, data en que Luis Espada Recarey resulta elixido, por maioría absoluta, primeiro reitor da Universidade de Vigo. Ese mesmo ano creábase a Comisión de Estatutos que durante dous anos desenvolveu un traballo que permitiu dotar a Universidade de Vigo duns estatutos, que foron publicados do Diario Oficial de Galicia o 22 de outubro de 1993, tras ser aprobados polo Consello da Xunta na sesión celebrada o 23 de agosto dese mesmo ano.

Desenvolvemento urbanístico

A Escola Superior de Enxeñeiros de Telecomunicación (actualmente Escola de Enxeñaría de Telecomunicación)e a primeira fase da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais foron, en 1991, os primeiros edificios docentes inaugurados pola Universidade no campus vigués, que xa dispuña naquel momento de nove centros propios herdados da Universidade de Santiago e de tres adscritos. Tras a aprobación en 1992 por parte da Consellería de Ordenación do Territorio e Obras Públicas do proxecto de modificación do plan xeral de ordenación urbana de Vigo nas Lagoas, en Marcosende, comeza o verdadeiro despegue urbanístico do campus universitario vigués, que xa en 1994 tiña rematada a primeira fase da nova facultade de Ciencias e as ampliacións da Facultade de Económicas e da Escola Superior de Enxeñeiros Industriais (actualmente Escola de Enxeñaría Industrial).

Mentres, en Pontevedra finalizaba a remodelación do antigo cuartel de San Fernando para darlle cabida á Facultade de Belas Arte e a redacción do proxecto do edificio que albergaría a Escola de Enxeñaría Técnica Forestal, e comezaba a urbanización dos terreos da Xunqueira.

Pola súa banda, no campus de Ourense finalizábase o edificio da Escola Universitaria Politécnica.

En 1996 coa redacción dun plan especial que sería aprobado en 1998, a Universidade de Vigo establece un marco e uns obxectivos urbanísticos orientados a crear unha auténtica cidade universitaria que permitirá dotar o campus vigués duns servizos destinados a satisfacer plenamente as necesidades do alumnado e de todo o persoal relacionado coa Universidade.

A evolución das titulacións

Unha ducia de titulacións completas xa se impartían no campus universitario de Vigo no momento da segregación en 1990. A partir dese momento e en anos seguintes, a oferta de titulacións foise incrementando de xeito que xa no curso 1991-1992 se impartía na Facultade de Ciencias do Mar a Licenciatura de Ciencias do Mar, que se sumou aos primeiros ciclos de Química e Bioloxía que foron completados a partir de 1993.Tamén no curso 1991-1992 se estrea a Licenciatura de Tradución e Interpretación na Facultade de Humanidades, na que a partir do curso 1993-1994 se impartiron as licenciaturas de Filoloxía Inglesa e Hispánica, con novos plans de estudo.

Pola súa banda, os títulos de Enxeñaría de Telecomunicación e Enxeñaría Técnica Industrial, aos que posteriormente se engadirían os de Enxeñaría Técnica en Electricidade, en Electrónica Industrial, en Mecánica e en Química Industrial, impartíanse nas Escolas Técnica Superior de Enxeñeiros de Telecomunicación e a Escola Universitaria de Enxeñería Técnica Industrial. O catálogo de titulacións completábase coa Licenciatura en Economía, en Administración e Dirección de Empresas, Enxeñaría Industrial nas especialidades de Mecánica e Intensificación Automática e Electrónica, Enxeñaría de Minas, Diplomatura en Ciencias Empresariais, Diplomatura en Enfermaría, Mestre en Educación Infantil e Educación Primaria e a Diplomatura en Relacións Laborais.

Mentres, no campus de Ourense a Facultade de Dereito comezou no curso 1990-1991 a impartir a Licenciatura en Dereito. Tamén nese ano iniciaba a súa actividade a Facultade de Humanidades, na que se podían cursar as licenciaturas de Historia e Psicopedagoxía. No curso seguinte súmanse á oferta as diplomaturas en Traballo Social e Educación Social. Desde o curso 1991-1992 a Facultade de Ciencias imparte a Licenciatura en Ciencias e Tecnoloxías dos Alimentos e a Escola Universitaria de Informática de Xestión os estudos de Enxeñaría Técnica en Informática de Xestión.

Mestre en Educación Infantil, en Educación Primaria, en Lingua Estranxeira e en Educación Especial, Diplomatura en Empresariais e Diplomatura en Enfermaría, completaban a oferta de titulacións que se impartían no inicio do campus de Ourense.

En Pontevedra a Facultade de Belas Artes comeza a funcionar en 1990. No curso seguinte, incorpórase á oferta do campus pontevedrés a Escola de Enxeñaría Técnica en Industrias Forestais. Mentres, a Escola Universitaria de Formación de Profesorado de EXB, pasou de impartir os tradicionais estudos de mestre ou mestraa ofrecer catro novas titulacións: Mestre en Educación Infantil, en Educación Primaria, en Educación Física e en Educación Musical. Pola súa banda, a Escola Universitaria de Enfermaría conta desde 1992 cun plan de estudos homologado. Xa no curso seguinte, abría a súas portas no campus de Pontevedra a Facultade de Ciencias Sociais que, xunto coa Escola Universitaria de Fisioterapia, completaría a oferta docente do campus pontevedrés.

Persoal docente e investigador

No momento de producirse a segregación da Universidade de Santiago, en xaneiro de 1990, impartían docencia na Universidade de Vigo 430 docentes. Ese mesmo ano o número de grupos de investigación achegábase ao centenar.

Especialmente relevante para o desenvolvemento da actividade investigadora foi a creación en 1991 da Oficina de Investigación e Desenvolvemento coa finalidade de promover e canalizar o achegamento entre empresas e persoal investigador, así como proporcionarlles a estes información sobre fontes de financiamento dos proxectos, trámites de solicitudes de patentes e convocatorias. Un ano despois, en 1992, dezasete departamentos desenvolveron proxectos de investigación e informes para máis de corenta empresas, organismos e institucións.

Espectacular incremento no número de matrículas

A progresiva incorporación de centros e titulacións á oferta educativa, traduciuse nos primeiros anos de existencia da Universidade de Vigo nun espectacular aumento no número de matrículas, que pasou das 13.223 no curso 1990-1991, ás máis de 21.700 rexistradas no curso 1993-1994. Con case 3000 persoas matriculadas, foi a Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais o centro do campus vigués que máis estudantes acolleu no curso 1990-1991. Con 880 estudantes a Escola Universitaria de Estudos Empresariais e con 713 a Escola Universitaria de Formación de Profesorado de EXB, foron os centros dos campus de Ourense e Pontevedra, respectivamente que maior número de estudantes rexistraron no curso 1990-1991.

Construíndo o futuro desde o presente

Transcorridas dúas décadas desde a súa creación, a Universidade de Vigo segue a traballar, coa vista posta no futuro, na súa consolidación como institución académica no panorama nacional e internacional. Modernidade, atrevemento e pluralidade son os sinais de identidade dunha institución académica que, na súa breve historia, foi quen de se desenvolver atendendo ás necesidades de formación do alumnado, así como ás da sociedade en que se insire. Para tal efecto, a Universidade de Vigo conta con tres campus perfectamente dotados para atender as necesidades dos aproximadamente 25.000 membros que integran a comunidade académica formada por estudantes, persoal docente e investigador e persoal de administración e servizos. Case 60 titulacións, entre elas cinco propias, repartidas en case unha trintena de facultades, compoñen a día de hoxe a oferta educativa da Universidade de Vigo, en que están presentes os ámbitos tecnolóxico, xurídico-social, humanístico e científico.

Tras o proceso de adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior, a Universidade de Vigo dispón, desde o curso 2010-2011 dun mapa de titulacións totalmente transformado ás directrices de Boloña e no que o grao, o mestrado e o doutoramento son protagonistas dun novo escenario do sistema universitario.

Campus en constante evolución

Novas titulacións adaptadas ao EEES que se sumarán a unhas infraestruturas en constante mellora, para afrontar o futuro desde unha sólida base. Deste xeito o referente da arquitectura moderna en que se converteu o campus de Vigo, continúa mellorando con novas dotacións para a investigación (biblioteca de Ciencias, módulos tecnolóxico e sanitario etc.), e tamén destinadas aos servizos, como unha escola infantil, son algúns dos proxectos e realizacións que se acometerán nos próximos anos no campus vigués.

Pola súa banda, a partir dun proxecto encargado ao arquitecto Patxi Mangado, o campus de Ourense desenvolverá nos vindeiros anos, coa colaboración financeira da Deputación, un ambicioso plan para integrar o campus na cidade.

Mentres, o campus de Pontevedra poderá dispoñer dun novo edificio para Belas Artes.

Pulo investigador

Situada no posto 15 da clasificación de universidades españolas en produción científica, a Universidade de Vigo fixa o seu obxectivo de futuro na competencia no ámbito internacional, para o que establece liñas prioritarias. Preferencias como as recollidas no Plan de I D i aprobado polo Claustro e que ten como obxectivo aclararlle ao persoal investigador cuestións como o recoñecemento da súa carga de traballo horaria, do esforzo que se fai, de traballo de laboratorio, despacho, de investigación en conxunto, ao tempo que se incide en cuestións como o fortalecemento institucional ou novas estruturas de investigación.

Precisamente a Universidade Vigo conta na actualidade cunha ampla rede de infraestruturas, que se verá aínda máis reforzada co novo CACTI, ou o módulo tecnolóxico industrial no campus de Vigo e que xunto con CITI de Ourense permitirá darlle máis facilidades ao persoal investigador, agrupado na actualidade nun total de 250 grupos.

Compromiso co medio natural. Plan Suma

O compromiso da Universidade de Vigo co desenvolvemento sostible, a eficiencia dos recursos e o respecto ao medio natural, tradúcese nunha serie de accións e iniciativas que conforman o Plan de sostibilidade e medio ambiente, Suma. Estruturado a través de sete programas relativos a enerxía, residuos, contorno natural, patrimonio, colaboración coa sociedade e fomento dunha sensibilización ambiental, o Plan vén a reforzar outras accións que a Universidade está a desenvolver actualmente, como o Programa de innovación enerxética ou iniciativas da Oficina de Medio Ambiente sobre recollida, reciclaxe e tratamento de residuos. Anexo ao Plan, hai tres proxectos: Terrae, Vedra e Campus Verde, que permitirán a implantación, respectivamente nos campus de Ourense, Pontevedra e Vigo, de estratexias de desenvolvemento sostible e de integración das enerxías renovables a través de actuacións urbanísticas e paisaxísticas.

Weaving the Gender Equality

The implication of the University of Vigo in gender studies goes back to 2000, with the creation of the Cátedra Caixanova de Estudos Feministas. In july 2006, before of the legal imperative, was created by agreement of Consello de Goberno, the Unidade de Igualdade which is the technichal unit responsible for the transverse effective incorporation of the principle of equality between men and women in all areas of the university community.

In 2011 was created the Comisión de Igualdade of the institution wich is the body tasked to propose and to monitor the plans and measures in Gender Equality taken in the field. In this way, on November, 12th 2012 was approved the Ist Gender Equality Plan of University of Vigo.

Campus de Excelencia Internacional

O 21 de Outubro de 2010 o proxecto Campus do Mar, liderado pola Universidade de Vigo, foi seleccionado como Campus de Excelencia Internacional. Trátase dun proxecto que pretende xerar un campus composto por varios centros, especializado no mar desde un punto de vista multidisciplinar, plenamente integrado polas institucións que o compoñen e cun forte impacto no tecido socioeconómico da eurorrexión, que impulse o desenvolvemento sostible no territorio.

Rectoría | University Campus | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | Spain | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibility | Site map | Legal Advise