DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa participación dos profesores Eduardo Cebreiros e Luis Velasco

Un seminario afonda na orixe e evolución histórica do concepto de administración

Abrangueron a súa significación en época moderna e contemporánea

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Académica
DUVI Ourense 01/04/2022

Un centenar de estudantes da Facultade de Historia do campus de Ourense asistiu este venres de xeito virtual ou presencial a un seminario que tivo por obxectivo profundar, dun xeito transversal e interdisciplinar, na evolución do concepto de administración na historia moderna e contemporánea.

A actividade levou por título IV Seminario Permanente: Conceptos con Historia. Administración e estivo organizada pola Facultade de Historia e os grupos de investigación HMo, de Historia Moderna, e HC1, de Historia Contemporánea, estando o seu comité organizador formado polo profesorado María López, Antonio Presedo, Jesús de Juana, Julio Prada e Domingo Rodríguez. Esta iniciativa, explicaron desde a súa organización, pretende ofertar cada curso académico ao alumnado do Grao en Xeografía e Historia e do Programa Conxunto Xeografía e Historia-Turismo que se imparten na UVigo a posibilidade de profundar en conceptos de relevancia para a elaboración do coñecemento histórico dende unha perspectiva transversal (xa que son analizados nas épocas moderna e contemporánea) e interdisciplinar (coa participación de especialistas procedentes de distintas áreas das Humanidades e das Ciencias Sociais).

Na inauguración da actividade, Antonio Presedo, vicedecano da Facultade de Historia, explicou que esta iniciativa, nada hai cinco anos, retomou nesta edición a súa presencialidade, dado que a pandemia da covid-19 obrigou un ano a suspendela e outra a facela de xeito totalmente virtual. O seminario, recalcou, é froito do traballo conxunto das áreas de Historia Moderna e Historia Contemporánea da Universidade, que aúnan esforzos para familiarizar ao alumnado con termos relevantes para a súa formación histórica. María López, en representación da Área de Historia Moderna, engadiu que “estes seminarios son moi produtivos tanto para o alumnado como para o profesorado xa que permiten escoitar a autoridades na materia a tratar”. En anteriores edicións, apuntou a catedrática, abordáronse cuestións como a familia, a propiedade, o comercio, a banca e as cortes. Pola súa banda, Domingo Rodríguez, en representación da Área de Historia Contemporánea, recalcou a importancia desta iniciativa pois nela “dúas áreas traballan desde as súas propias perspectivas nun mesmo tema” e céntrase na historia dos conceptos, unha corrente histórica que estuda a xénese, a evolución e os cambios que ao longo do tempo teñen sufrido conceptos relevantes, como neste caso o da administración.

Administración central e militar

Eduardo Cebreiros, profesor da Universidade da Coruña especialista en Historia do Dereito, foi o primeiro dos relatores en intervir. Na súa conferencia, e desde o seu punto de vista como xurista, o convidado presentoulle ao alumnado asistente a historia da administración central, en como se gobernou a monarquía, en época moderna. “A problemática da administración na idade moderna é que o Imperio Español foi enorme a partir do século XVI e os sistemas de goberno, de administración, anteriores non valían. O rei tivo que preparar uns novos mecanismos de goberno que se basearon na axuda de xente”, apuntou. Esa xente, indicou o profesor, no século XVI foron os consellos, órganos pluripersoais que axudaban ao rei, como os consellos de Castilla, de Indias, da Inquisición e de Facenda. No século XVII, engadiu o xurista, o rei “deixou un pouco de gobernar e descansou esa tarefas nos validos”, aparecendo figuras como o Conde Duque de Olivares ou o Duque de Lerma, que foron os grandes xestores “aos que o rei deixou que gobernasen”. Por último, detallou, no século XVIII apareceron os secretarios de despacho, os hoxe chamados ministros, cada un nunha rama.  

A segunda das conferencias correu a cargo de Luis Velasco, profesor da Facultade de Historia do campus de Ourense. No seu caso centrouse na administración militar durante os séculos XIX e XX, achegándose “a este concepto de administración desde o que nos podemos atopar nas fontes arquivísticas”. A administración militar, indicou, “é esa parte da máquina militar, da máquina do estado destinada ao exercicio lexítimo da violencia”. Trátase, apuntou o profesor, dunha administración destinada á organización desa maquinaria, á posta en marcha dela, e á súa interrelación con outros poderes, con outras administracións e con outras forzas do estado. Na súa intervención Luis Velasco faloulle ao público asistente da documentación que habitualmente está tanto nos arquivos intermedios militares como nos arquivos xerais militares e nos fondos denominados administrativos ou da administración. Tamén lles explicou cales son eses fondos e que tipo de documentación, de información, se pode atopar neles e de “que achegamento podemos facer finalmente como produto histórico con eles”. Por último, abordou na súa intervención “os grandes procesos en xeral nos que están inclusos este tipo de fontes”.