DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A mostra ‘100 lunas cuadradas’ reúne nove fotografías do Instituto de Astrofísica de Canarias

Unha exposición na Vicerreitoría permite achegarse a diferentes fenómenos astronómicos

Inserida no plan de actividades 'Ciencia de ida e volta'

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Divulgación
  • Cultura
DUVI Pontevedra 01/04/2022

Estrelas adolescentes, berces estelares, fósiles cósmicos, restos estelares, universos illa ou cúmulos galácticos. Estes son algúns dos fenómenos astronómicos representados nas fotografías realizadas no Observatorio do Teide, do Instituto de Astrofísica de Canarias (IAC), que desde este venres poden contemplarse na sede da Vicerreitoría do campus, que acolle a exposición itinerante 100 Lunas Cuadradas. Inserida no plan anual de actividades da Unidade de Cultura Científica e da Innovación da Universidade (UCC+i) Ciencia de ida e volta, que conta coa colaboración da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología-Ministerio de Ciencia e Innovación. A exposición abrangue diferentes tipos de obxectos astronómicos e algúns descubrimentos relevantes en astrofísica, como sistemas exo-planetarios, fósiles cósmicos, lápidas fugaces ou grupos galácticos.

De carácter didáctico, trátase dunha exposición que o IAC puxo en marcha no marco do proxecto Niépce: do negativo ao positivo, desenvolvido co gallo dos 200 anos das primeiras imaxes fotográficas da historia. A través desta mostra, a astronomía buscaba render homenaxe á fotografía por ter permitido multiplicar os datos obtidos cos telescopios. Conformada por nove paneis, a exposición recibe o seu nome das dimensións das nove fotografías que a compoñen, que, segundo explican os seus promotores, “son dez veces por cada lado o tamaño aparente da lúa, que se utiliza como unidade de medida”, de tal xeito que cada unha delas representaría unha área de “100 lúas cadradas”

Ata o 13 de maio poderá contemplarse na sede da Vicerreitoría unha exposición que previamente puido verse no edificio Redeiras en Vigo, e na Biblioteca Rosalía de Castro do campus de Ourense e que retornará proximamente ao campus vigués. Antes da súa itinerancia por diferentes sedes da Universidade de Vigo, puido verse tamén no Instituto Cervantes e na Galería Nacional de Tokio, así como en varias universidades xaponesas.