O simposio internacional E irei madr’a Vigo é unha actividade académica organizada polo Departamento de Filoloxía Galega e Latina da Universidade de Vigo, con motivo da estadía na nosa terra do Pergamiño Vindel como peza central da exposición do Museo do Mar “Pergamiño Vindel. Un tesouro en sete cantigas”.

O simposio terá lugar os días 23 e 24 de novembro en Vigo, na Casa Cambón (Rúa da Palma, 4) e nel participarán especialistas das tres universidades galegas, así como de universidades portuguesas, italianas, francesas, brasileiras e dos Estados Unidos.

Durante estes dous días haberá dúas conferencias plenarias e varias sesións de comunicacións científicas nas que se tratarán en profundidade algunhas das cuestións máis relevantes: os trazos formais e temáticos da obra codaciana e o seu encadramento no xénero das cantigas de amigo e no marco máis xeral da lírica medieval europea; as dificultades que presenta a lectura e a interpretación da notación musical transmitida polo pergamiño; as circunstancias históricas e sociais en que se encadra a produción desta arte requintada, con atención especial ás cortes do sur de Galicia; o estudo codicolóxico sobre a propia entidade do pergamiño e a súa finalidade; a historia da tradición manuscrita das cantigas do xogral vigués; os notábeis problemas de edición que presenta o texto codaciano; o estudo grafolóxico e lingüístico, así como as vicisitudes sufridas polo pergamiño Vindel e a recepción no momento da súa descuberta a principios do século XX.

– A entrada é libre ata completar a capacidade do auditorio
– Quen asista regularmente ao simposio recibirá un certificado acreditativo. Con el, o profesorado de centros sostidos con fondos públicos poderá solicitar a homologación como horas de formación do profesorado
– Estamos a tramitar na Universidade de Vigo a validación por 0,6 cr. ECTS

 

Relacionado co Simposio, lembramos que se está a celebrar o Ciclo de conferencias Os xoves do Vindel.

Ir á páxina do Ciclo