O ciclo de conferencias titulado Os xoves do Vindel é unha actividade académica da Universidade de Vigo organizada polo Departamento de Filoloxía Galega e Latina. Celebrarase ao longo de seis xoves distintos entre outubro deste ano e febreiro de 2018 para acompañar a estadía na nosa terra do Pergamiño Vindel, peza central da exposición do Museo do Mar “Pergamiño Vindel. Un tesouro en sete cantigas”. De cada unha destas conferencias encargarase un experto distinto.

Estes especialistas que participarán no ciclo Os xoves do Vindel falarán sobre algunhas das cuestións máis relevantes que se derivan da análise deste testemuño histórico: a vertente literaria da obra codaciana e o seu encadramento na lírica europea medieval; as dificultades que presenta a lectura e a interpretación das notacións musicais transmitidas polo pergamiño; a cuestión do propio nome e a identidade difusa do xogral Martin Codax; as circunstancias históricas e sociais en que podemos encadrar a produción desta arte requintada e tamén a recepción do Pergamiño Vindel no momento da súa descuberta a principios do século XX.

Estas conferencias pretenden chegar a un público moi amplo e non só están enfocadas á comunidade universitaria, profesorado de diferentes niveis educativos ou especialistas nos distintos eidos tratados, senón tamén a calquera persoa interesada na realidade social, na literatura, na lingua, na música e, en xeral, na cultura do medievo. A través deste ciclo de conferencias perseguimos dar a coñecer aínda máis unha época esplendorosa da nosa cultura e do noso pasado.

Programa

As seis conferencias que constitúen todo o ciclo son as seguintes:


19 de outubro, 2017 / 19.30h
Aproximación á configuración urbana de Vigo na época do Pergamiño Vindel
Anselmo López Carreira
UNED


2 de novembro, 2017 / 19.45h
Martin Codax: o nome. A onomástica na lírica trobadoresca
Xosé Xabier Ron Fernández
IES de AMES
Universidade de Santiago de Compostela


16 de novembro, 2017 / 19.45h
Prensa, sociedad gallega y Martin Codax. ¿Cómo divulgaron los periódicos la figura del trovador y sus cantigas?
Ceferino de Blas
Cronista oficial da cidade de Vigo


14 de decembro, 2017 / 19.45h
A música dos trovadores. Aspectos da prática interpretativa: certezas e conjecturas
Paulo Gonçalves
Músico e musicólogo


25 de xaneiro, 2018 / 19.45h
As cantigas de amigo no taboleiro da lírica medieval europea
Pilar Lorenzo Gradín
Universidade de Santiago de Compostela


8 de febreiro, 2018 / 19.30h
Literatura en galego e mecenado na Idade Media
Ramón Mariño Paz
Instituto da Lingua Galega / Universidade de Santiago de Compostela


Podes descargar o programa do ciclo en PDF aquí:

Programa “Os xoves do Vindel”

Sede de celebración

O lugar onde se desenvolve o ciclo de conferencias Os xoves do Vindel é o Centro de vistantes Cambón na rúa da Palma número 4, Vigo.

 


Relacionado con estás actividades, lembramos que tamén se realiza o Simposio Internacional E irei madr’a Vigo.

Ir á páxina do Simposio