O programa de actividades relacionadas co Pergamiño Vindel terá unha duración de cinco meses, ao longo dos que se desenvolverán diversas iniciativas que teñen como principal destinatario a cidadanía de Vigo e os concellos limítrofes, así como calquera persoa interesada na obra que recolle as sete cantigas de amigo de Martin Codax.

Completan a exposición do Pergamiño no Museo do Mar de Galicia, entre os meses de outubro de 2017 e de marzo de 2018, outras actividades como simposios científicos e ciclos de conferencias, concertos, intervencións artísticas e plásticas e publicacións de edicións específicas. Ademais, levaranse a cabo actividades de extensión cultural e de formación e difusión entre o alumnado dos diferentes niveis educativos, que se realizarán en distintos puntos de Galicia, cun enfoque particular en Vigo e nos concellos limítrofes da súa ría.

Actividades destacadas

Xullo 2017

Presentación do proxecto Vindel á comunidade universitaria e lanzamento da súa web institucional.
Lugar: Praza da Reitoría do Campus Universitario de Vigo.

Setembro 2017

Entrega do Pergamiño ao reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, e ao conselleiro de Educación, Cultura e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez.
Lugar: Sede de The Morgan Library, Nova York.

Outubro 2017

Inauguración da exposición «Pergamiño Vindel. Un tesouro en sete cantigas»

Ir ao apartado da exposición

Novembro 2017

Proxección do filme ‘El Manuscrito Vindel’

Coa participación da profesora Mariña Arbor (USC), que presentará e moderará o breve debate posterior á proxección desta longametraxe que conta a andaina vital do descubridor do pergameo Vindel.


De outubro a decembro 2017

Cantares de Cego do Pergamiño interpretados polo regueifeiro Luís Correa “O Caruncho” no papel de cego, acompañado pola “guía” Chus Iglesias, percorren o país –actuarán en máis de vinte cidades e vilas– interpretando estas composicións.

Ver información dos cantares

 


De outubro 2017 a febreiro de 2018

Ciclo de conferencias «Os xoves do Vindel»

Páxina do ciclo

 


Novembro 2017

O auditorio do edificio Cambón, no casco vello de Vigo, acollerá o Simposio Internacional «E irei, madr’, a Vigo» os días 23 e 24 de novembro de 2017. Este encontro, organizado polo Departamento de Filoloxía Galega e Latina da Universidade de Vigo, contará coa presenza de destacadas figuras internacionais expertas en lírica medieval como Vicenç Beltran, Yara Frateschi, António Resende de Oliveira, Antonio Ciaralli, Ria Lemaire ou Rip Cohen, que afondarán no estudo do Pergamiño Vindel e das cantigas de Martin Codax e achegarán este coñecemento á sociedade.

Máis dunha ducia de intervencións sucederanse durante os dous días do simposio, que está dirixido a un público especializado, máis tamén a calquera persoa interesada na literatura, na lingua, na música, na tradición manuscrita e, en xeral, na cultura do medievo.

Web do Simposio Internacional

 

Concerto de ISGA Collective (16 de novembro): este grupo de música de raíz galega pero con correntes de vangarda liderado por Mónica de Nut como solista e Isaac Garabatos como alma do proxecto amosaranos o seu traballo discográfico A Redeira, no que conxugan a súa música absolutamente contemporánea coas Cantigas de Martín Códax do século XIII.

Máis información do concerto

 


 Decembro 2017

O Concerto de Nadal, o 19 de decembro no Teatro Afundación deVigo, terá como eixo central o Proxecto Vindel e a súa temática. A protagonista será Cristina Pato, que presentará o seu espectáculo O pergamino Vindel: unha viaxe musical, xunto con outros artistas galegos.

Ir á páxina do concerto de nadal