O proxecto Vindel é unha aposta colectiva para recuperar o patrimonio histórico-cultural deste gran país que é Galicia. Tras máis de dous anos de negociacións, a Universidade de Vigo foi quen de acadar algo que nunca antes se producira: a saída do Pergamiño Vindel –o documento orixinal das sete cantigas de Martin Codax– da Biblioteca e Museo Morgan de Nova York, propietaria da obra desde a década de 1970.

 

Identidade do proxecto Vindel deseñado pola Área de Imaxe da Universidade de Vigo

O proxecto Vindel é un desafío vivo e voante. É lenda, memoria e incluso colectividade. O proxecto Vindel representa un dos alicerces da cultura galega, mais tamén unha metáfora que arestora regresa a Vigo, coa mesma delicadeza e finura coa que os poetas e trobadores do baixo medievo loaron o galego-portugués, que foi lingua vehicular da lírica medieval, practicada por nobres e reis a través das cantigas.

Do mes de outubro de 2017 a marzo de 2018 levaranse a cabo en Vigo e noutras cidades galegas exposicións, conferencias, concertos e outras actividades cidadás para celebrar os máis de 740 anos de historia que traza este pergamiño e que agora, de novo, regresa ás beiras do mar que o viu nacer.