Datado segundo algunhas fontes a mediados do século XIII e outras a finais do XIII ou principios do XIV, o Pergamiño Vindel é o documento orixinal das sete cantigas de amigo do poeta Martin Codax, nas que o trobador galego canta a Vigo e ao seu mar. Xunto ás cantigas de amor de Dom Dinis é a única mostra atopada, ata o momento, da lírica galego-portuguesa.

 

Pergamiño Vindel. The Morgan Library & Museum ten dereitos sobre estas imaxes. [Fai clic na imaxe para ampliar]

Actualmente consérvase na Biblioteca e Museo Morgan de Nova York (The Morgan Library and Museum). O anticuario e libreiro madrileño Pedro Vindel atopa por azar, en 1914, o pergamiño que leva o seu nome, como parte da encadernación dun manuscrito de De officiis de Cicerón.

Escrito por unha soa cara en catro columnas con 26, 24, 23 e 17 liñas respectivamente, cunha dimensión de 34 x 45 centímetros, o orixinal do pergamiño contén, a maiores das sete cantigas de amigo atribuídas a Martin Codax, as liñas melódicas en seis destas cantigas. O nome do trobador aparece na parte superior en vermello, o texto das cantigas está escrito en tinta negra coas iniciais ornamentadas en vermello e azul e completan a estrutura os pentagramas en vermello.

A primeira columna do pergamiño inclúe cinco pentagramas, seis a segunda, seis a terceira e catro a cuarta. «Ondas do mar do Vigo», «Mandad’ei comigo ca ven meu amigo», «Mia yrrmana fremosa treides comigo», «Ay Deus se sab’ora meu amado», «Quantas sabedes amar amigo» e «Ay ondas que eu vin veer» son as seis cantigas do pergamiño con notación musical, mentres que «En o sagrad’e Vigo» carece dela. A súa estrutura musical é sempre idéntica, formada por dúas frases musicais, a segunda derivada da primeira, e un retrouso que inclúe unha terceira frase, cuxo material melódico se relaciona en moitas ocasións coas anteriores.