A exposición «Pergamiño Vindel. Un tesouro en sete cantigas» céntrase nun dos alicerces da cultura galega da Idade Media, as sete cantigas de amigo de Martin Codax recollidas, texto e notación musical, no Pergamiño Vindel.

 

Capitular da letra «e» reproducida do Pergamiño Vindel. [The Morgan Library & Museum ten dereitos sobre esta imaxe]

A mostra, da que é comisario o doutor en Historia da Arte, investigador e divulgador da cultura do Camiño de Santiago Francisco Singul, articúlase a través de sete partes inspiradas en cada unha das sete cantigas do manuscrito medieval. A través de cada unha delas desprégase un rico fresco sobre a cultura galega do século XIII e os seus íntimos vínculos co resto de Occidente, acadados moi principalmente pola canle de fe, devoción e transmisión de cultura do Camiño de Santiago. Unhas  40 pezas, que van do século XII ao XV, co Pergamiño Vindel como núcleo central, conforman a mostra que abrangue temáticas como a espiritualidade, a cultura, os símbolos do poder temporal, o espazo íntimo, o amor sacro e profano ou o pensamento simbólico.

A exposición, que pode visitarse no Museo do Mar de Galicia entre outubro de 2017 e marzo de 2018, ocupa unha superficie de 200 metros cadrados, distribuídos no soto das Naves Novas do museo, acondicionado especificamente para a mostra, que cumpre coas esixencias da Biblioteca e Museo Morgan, propietaria do Pergamiño Vindel.

Podes obter outras informacións e recursos sobre a exposición nas páxinas do Museo do Mar:

Ir á axenda do Museo do Mar